CULTURA

Curtocircuíto tende pontes a outros festivais

28/11/2013 Curtocircuíto, festival organizado polo Concello de Santiago, co-financiado pola Deputación da Coruña e coa colaboración de diversas entidades, cumpre unha década como termómetro de tendencias para curtametraxes de todo o mundo. O festival, que se celebrará en Santiago de Compostela do 9 ao 13 de decembro, con proxeccións no Teatro Principal e actividades na Zona C e o CGAC, quere celebrar este aniversario coa programación de tres seccións paralelas á oficial.

Dúas delas recollen as curtas máis populares que pasaron pola capital de Galicia nos últimos dez anos. O programa 10 anos de Curtocircuíto mostrará as obras internacionais máis interesantes e premiadas nas pasadas edicións. Pola súa parte, èm]Retrospectiva: Galicia en Curtocircuíto recuperará os filmes galegos máis celebres proxectados no certame.

A terceira quere destacar as obras máis relevantes dos tamén dez anos de Play-Doc, un festival amigo, referencia no terreo do documental. Play-Doc en Curto mostrará traballos de novas promesas, xunto aos filmes de grandes mestres coma Jay Rosenblatt ou Marcel Lozinski. Pero este non é o único festival que participará en Curtocircuíto 2013. Márgenes (www.margenes.org), ademais de certame online, converteuse xa nunha plataforma referencial que programa ciclos e seminarios neste e ao outro lado do Atlántico. Eles propuxeron que Luis E. Parés, de Filmoteca Española, fale as mañás do xoves 12 e o venres 13 (de 12:00 a 14:00 horas) no CGAC, sobre o "outro cine español", unha xeración de novos creadores que Curtocircuíto quere mimar de aquí en adiante. Parés dará un seminario baixo o título Anatomía da Influencia: A tradición relida do cine experimental español, no que se aborda o nacemento deste cinema radical, innovador, que busca novas formas de expresión, apostas arriscadas tanto no seu contido coma na súa linguaxe.

O contacto do cinema co público, piar de Curtocircuíto
Os debates e os encontros con realizadores pretenden ser unha das marcas de identidade de Curtocircuíto na nova etapa de Pela del Álamo como director. É por iso que a este seminario hai que sumar a charla da xornalista María Yáñez sobre o impacto dos novos medios no que se deu en chamar o cinema transmedia, unha deriva que moitos festivais internacionais intentan recoller xa nas súas programacións. Yáñez impartirá o mércores 11 esta charla, que ela mesma bautizou como Cinema e interactividade. Os festivais dánlles a benvida ás narrativas dixitais. Por último, o cineasta galego Eloy Enciso, director da multipremiada Arraianos, centrarase o martes 10 no Non-guión: outros procesos na escritura cinematográfica. Todas estas charlas e debates, abertos ao público, a realizarse no CGAC, son de balde previa inscrición en curtocircuito.org.

Os espectadores que desexen coñecer aos cineastas de primeira man e intercambiar con eles as súas opinións, poden acudir aos Cafés con CREA, unha iniciativa da Asociación de Realizadores e Creadores de Galicia, que pretende xerar un punto de encontro entre os directores e o seu público. Esta actividade terá lugar do mércores 11 ao venres 13 na cafetería do CGAC, de 16:30 a 17:30 horas. A asistencia é tamén libre.

Direcciones relacionadas



Compartir: