PLENO

O Pleno aproba a designación co nome de "Saxo Tenor" dunha praza no barrio de Vista Alegre na honra de Roberto Vidal Bolaño

28/11/2013 A Corporación, na sesión plenaria ordinaria do mes de novembro, aprobou por unanimidade e a proposta da Alcaldía a designación co nome de "Saxo Tenor" da praza do barrio de Vista Alegre situada a carón da casa onde vivira Roberto Vidal Bolaño. Saxo Tenor é o título dunha das obras máis emblemáticas do dramaturgo compostelán.

O nomeamento desta praza únese ás homenaxes que a cidade ten rendido a Roberto Vidal Bolaño, das que a expresión máis próxima foron as realizadas con motivo da súa elección para celebrar o Día das Letras Galegas neste ano 2013. Saxo Tenor é o título dunha obra escrita polo dramaturgo e cuxa representación el mesmo dirixiu en 1993. Recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro e os Premios Compostela ao mellor texto e á mellor escenografía.

Neste mesmo Pleno deuse conta da información recibida no Concello en relación ás preferentes. Neste punto da orde do día permitiuse intervir aos representantes dos afectados.

Xa en materia urbanística, aprobouse definitivamente cos votos favorables do grupo de Goberno e a abstención dos dous grupos da oposición a modificación puntual do plan especial de reforma interior de Concheiros-Cotaredo-San Lázaro na rúa do Valiño (números 25 a 31).

Outro dos puntos aprobados foi a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar, así como da taxa pola prestación deste servizo. En ambos puntos, votou a favor o grupo popular, mentres que votou en contra o grupo socialista e abstívose o nacionalista.

Escolas infantís
No Pleno tamén foi obxecto de debate a situación das escolas infantís de Conxo e Fontiñas. Sobre esta cuestión, a concelleira de Educación, María Castelao, reiterou o compromiso de impoñer sancións á empresa adxudicataria da xestión se así o estima o informe técnico.

A edil explicou que hai requirimentos á empresa adxudicataria da xestión dende mediados de outubro e que se decidiu solicitar un informe técnico o 12 de novembro. Tras lembrar que na mesa de contratación estaban representados os tres grupos políticos, indicou que se trasladarán as conclusións do informe técnico solicitado á Xunta de Goberno, insistindo unha vez máis na posibilidade das sancións se así resulta necesario á vista das devanditas conclusións. Estas afirmacións foron realizadas no Pleno a raíz dunha proposición presentada polo BNG, relativa á prestación dun servizo de calidade nas escolas infantís e que foi aprobada por unanimidade.

Compartir: