CONSORCIO

O antigo Banco de España reabre as súas portas cunha exposición sobre a vida nos conventos de clausura

13/07/2006 Para celebrar o décimo quinto aniversario da fundación do Real Patronato, o Consorcio e o Concello de Santiago abren unha exposición singular e única, "Intramuros", no emblemático edificio do Banco de España, na Praza de Praterías. A mostra, que recrea a vida relixiosa e a arte nos conventos de clausura de Santiago de Compostela, e a primeira que ofrece unha visión da clausura dende unha perspectiva global. Atende non só a aqueles aspectos relacionados coa espiritualidade, vida de oración e traballo das comunidades conventuais, senón tamén os relacionados coa arte e coa cultura que albergan dentro dos seus muros.

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, destacou que esta exposición certifica "o labor realizado polo Consorcio nestes quince anos e, especialmente serve para expoñer a parte do traballo de rehabilitación". Ademais, destacou as posibilidades que o Banco de España ten como edificio de exposicións e os pasos que se están a dar para que se converta no Museo das peregrinacións e da cidade de Santiago. "Probablemente está chamado a ser o museo máis visitado de Compostela", apuntou.

Deste proceso de conversión en ben cultural do edificio falou o presidente da Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria do Patrimonio (SEGIPSA), Juan Antonio Blanco-Magadán Amutio. Neste sentido anunciou que, en cuestión de dous ou tres meses, farase a permuta para que o edificio pase da titularidade de SEGIPSA a converterse en ben patrimonial do Ministerio de Cultura. A partir de aí comezaríase a traballar nos usos definitivos deste espazo.

Pola súa parte, o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, referiuse á propia exposición, xurdida da "idea de por en valor o patrimonio oculto da cidade de Santiago e de facer unha mostra que non só ten interese para os visitantes, senón tamén para os propios composteláns".
`
Mostra histórica

A mostra está deseñada ao redor dunha montaxe que presenta os espazos fundamentais que estruturan a organización da vida nos conventos de clausura: o torno, a igrexa, o coro, o refectorio, a cela, o xardín e máis a horta na que traballan e descansan as relixiosas. Fundamentalmente están representados os conventos de San Paio, Santa Clara e Belvís, tres comunidades de clausura que amosaron dende un primeiro momento todo o seu apoio para que esta mostra non só sexa unha realidade, senón para que se converta nun fito histórico dentro do conxunto das exposicións celebradas ata agora en Compostela. De xeito complementario aparecen tamén o mosteiro de Conxo e o retablo de San Roque, coma homenaxe especial a Simón Rodríguez, do que queda reflectida a súa mestría arquitectónica neste singular conxunto.

Entre as obras mestras que se exhiben destacan, sobre todo, o Cristo de Manuel de Prado, de madeira policromada (ano 1800), que pertence ó convento de San Paio; as pezas anónimas de Santa Escolástica (1º terzo s. XVIII) e Santa Xertrude (1ª metade s. XVII) da colección do Museo de San Paio; e as tallas dos Cristos Nenos meditando sobre a morte e o pecado (anónimos de mediados do XVII), pertencentes á parroquia de San Miguel dos Agros, en Santiago de Compostela. Outra peza salientable é o Colar de abadesa, da Escola Compostelá (segunda metade do s. XVII – inicios do XVIII) realizado en acibeche e que forma parte da colección do Museo das Peregrinacións. En suma, unha mostra que conxuga a visión de distintas manifestacións artísticas, dende a propia imaxinería ata os medios audiovisuais utilizados, por exemplo, para recrear a vida conventual ou escoitar á propia abadesa do convento de San Paio.

"Intramuros" é sobre todo unha exposición contemplativa. O visitante atopará unha mostra introspectiva, unha viaxe á espiritualidade que emerxe por encima de relixións e crenzas. Non é unha recreación de ambientes máis ou menos monásticos; é a invención mesma dun espazo que recrea a realidade e o misterio, a luz e as sombras da clausura.

No exterior do edificio, os visitantes traspasan as enormes portas enreixadas a base de corda trenzada, símbolo da pobreza e complemento de hábitos monásticos, e que se debe ao deseño da Oficina Técnica do Consorcio, que dirixe Ángel Panero. Previamente poden admirala imaxe frontal do edificio: o interior do convento de Santa Clara, que amosa no reverso a imaxe que corresponde co mosteiro de Conxo. Para acceder ao recinto, abrazado na súa fachada por un caleidoscopio cromático de fiestras, o primeiro que se atopa o espectador, de acordo coa estrutura interior dos conventos, é o torno, a única conexión das relixiosas co exterior. Xa dentro, na planta baixa, o percorrido conduce á igrexa e ao coro, ao refectorio, á horta-xardín e ás celas. A subida á primeira planta é recreada por un bosque de cirios, un camiño ascendente que leva á proxección dos "movementos do alma" e ao encontro co Cristo de Manuel de Prado. Dúas plantas que encobren unha dualidade: a vida cotiá (planta baixa) e a parte espiritual do home (planta superior). E ao mesmo tempo, a representación doutra dualidade arquitectónica: a catedral enfrontada ao convento: movemento e quietude. Ou o que é o mesmo: peregrinación e contemplación.

Para a montaxe da exposición adaptouse ao espazo existente no antigo Banco de España, sen modificar arquitectonicamente ningún lugar do edificio. Deste xeito, o edificio recrea, tanto no seu exterior – cunha singular iluminación que recorda de noite o colorido das nosas vidrieras góticas– como no interior do edifico, a riqueza constructiva, ornamental e escultórica dos conventos de clausura.

A exposición permanecerá aberta dende o 14 de xullo ata o 12 de novembro. A entrada é libre e o horario de visita vai das 10:00 ás 24:00 horas.

Compartir: