FESTAS

O alumeado de Nadal, adxudicado por 48.339 euros, acenderase o 6 de decembro

28/11/2013 A Xunta de Goberno adxudicou a Iluminacións Santiaguesas S.L. o contrato da iluminación de Nadal da cidade. Fronte o tipo de licitación de 64.698,7 euros (IVE incluído), a devandita empresa ofertou 48.339,50 euros, o que supón unha rebaixa e, polo tanto, un aforro para o Concello de 16.359,20 euros (un 25,28%).

O concelleiro de Festas, Francisco Noya, referiuse á importancia deste importe final, tendo en conta o destinado en anos anteriores. Así, lembrou o ano 2009, con 104.000 euros; o 2010, con 79.797,50 euros; o 2011, con 61.271,50 euros; e o ano 2012, cun gasto de 43.247 euros.

En particular, o concelleiro destacou as cifras de 104.000 euros do ano 2009 e de 80.000 do ano 2010, "anos nos que practicamente son as mesmas rúas do Ensanche e do Casco Histórico as que contaban con iluminación. Eran cantidades en proporción aínda maiores, xa que o IVE era inferior o actual, e o alumeado de Raxoi pagábase a parte (7.000 euros) e non se chegaba ás parroquias, como xa se fixo o ano pasado e se fará neste, ou aos barrios, co alumeado este ano de 36 árbores en 12 zonas da cidade". Neste sentido, recalcou, "cun descenso de máis dun 53% respecto o 2009, por primeira vez haberá iluminación por toda a cidade".

Francisco Noya lembrou que o acendido da iluminación de Nadal efectuarase o venres 6 de decembro, cando menos no Ensanche e no Casco Histórico. Este adianto, dixo, "ten como fin contribuír a xerar unha maior actividade nas dúas principias zonas comerciais da cidade".

Compartir: