EMPREGO

O Foro da Intermediación e o Emprego celebra 28 actividades e case 80 encontros con empresas na súa primeira xornada

28/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado da concelleira de Economía e Emprego, Reyes Leis, visitou o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, onde se celebra durante dous días o Foro da Intermediación e Emprego. Esta iniciativa do Concello de Santiago pretende dar a coñecer os servizos e o labor desenvolvido pola Axencia Local de Colocación ao longo de todo o ano e ten como obxectivo prioritario informar sobre os requisitos, as competencias e as oportunidades de emprego do mercado laboral actual. Ademais, grazas ao seu programa formativo, o FIE ofrece ferramentas útiles na busca de emprego por medio de actividades certificadas que supoñan unha mellora nos currículos dos participantes.

Durante a visita ao distintos espazos do Foro de Intermediación e o Emprego, tanto o alcalde como a concelleira expresaron a súa confianza en que "iniciativas deste tipo contribúan a mellorar o panorama laboral da cidade, axudando a reducir as actuais cifras de paro", ao tempo que puxeron en valor "o servizo que presta a Axencia Local de Colocación de Santiago".

Na súa xornada inaugural, o Pazo de Congresos acolleu a celebración de case unha trintena de actividades relacionadas coa mellora de competencias e a cualificación profesional dos asistentes. Arredor de 500 persoas tomaron parte neste programa formativo gratuíto, que incluía propostas tan diversas como cursos de acompañante de bus escolar, manipulación de alimentos, coctelería, escaparatismo ou visual merchandising; obradoiros de Emprego 2.0. nas distintas redes sociais; ou seminarios e xornadas centradas nos sectores económicos emerxentes, nos certificados de profesionalidade e nos requisitos para constituír unha empresa, entre outros. O venres 29, en horario de 9:00 a 14:00 horas, celebraranse outras 15 actividades máis. Para asistir é necesario anotarse na web da Axencia Local de Colocación.

Encontros con empresas
Ata 78 sesións de encontros entre asistentes e empresas tiveron lugar tamén nesta primeira xornada do Foro da Intermediación e o Emprego. Nestas charlas, os preto de 1.000 asistentes puideron coñecer de primeira man as actividades que desenvolven firmas como Leroy Merlin, C&A ou Carrefour, así como os perfís laborais máis demandados e as súas políticas de recursos humanos.

As sesións proseguirán este venres en horario de 9:30 a 13:30 horas. Os interesados en asistir aos encontros coas empresas nesta segunda xornada deberán formalizar unha inscrición, totalmente gratuíta, na web axencialocaldecolocacion.org.

Ademais do programa de actividades e as charlas coas empresas, o Foro da Intermediación e o Emprego volverá acoller este venres unha zona na que a Axencia Local de Colocación e as entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego ofrecen información e asesoramento de tipo laboral por medio de presentacións, seminarios e relatorios, entre outras accións. Preto de 400 asistentes tiveron a oportunidade nesta primeira xornada de dixitalizar o seu currículo.

Compartir: