XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba as normas que regularán a concesión de autorizacións para actividades artísticas na vía pública

28/11/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou as normas que rexerán as autorizacións de celebración de actividades artísticas na vía pública promovidas por particulares. Trátase das autorizacións que se conceden a músicos, mimos ou outros artistas que exercen a súa actividade, fundamentalmente, no casco histórico.

Segundo explicou o concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Luis Bello, esixiráselles aos músicos de rúa un currículo que acredite os seus coñecementos ou experiencia profesional. Ata agora, lembrou, simplemente se lles concedía a autorización aos 25 primeiros músicos solicitantes por orde de rexistro. A partir das novas normas, un comité de valoración, composto por tres técnicos, estudará que as propostas cumpran uns "mínimos" de formación musical, indicou.

Concederanse 25 autorizacións para o Casco Histórico, por rigoroso orde de entrada das solicitudes, sempre que cumpran os requisitos. De haber máis peticións, os músicos serían situados no parque da Alameda. A autorización, gratuíta, concederase por tres meses (ata agora era mensual).

En breve abrirase o prazo de solicitude destas autorizacións. As normas publicaranse nesta web municipal. Para facilitar a xestión das peticións, a Concellería de Mobilidade elaborará uns impresos específicos que estarán dispoñibles tanto nos rexistros municipais como nesta web.

Sobre a distribución dos músicos nos distintos espazos do Casco Histórico, Luis Bello apuntou que son os propios músicos os que se veñen distribuíndo os espazos de forma rotatoria. Por iso, dado que "o están facendo ben", o Concello non intervirá neste reparto.

Xuventude
Outro dos asuntos da Xunta de Goberno foi a aprobación, a proposta da Concellería de Xuventude, de dous concertos para a promoción de grupos locais municipais. Celebraranse os días 13 e 20 de decembro, a partir das 22:00 horas, na Sala Sonar, actuando dous grupos en cada xornada. O custo desta actividade é de 3.656 euros.

Benestar Social
No ámbito de Benestar Social, deuse conta da concesión, por parte da Consellería de Traballo e Benestar de subvencións para os seguintes programas: Comunidade xitana, 50.000 €; Programa inmigrantes, 25.000 €; e Programa Risga, 44.639 €.

Documentos relacionados



Compartir: