PARQUES E XARDÍNS

O Concello destinará 3,3 millóns de euros a manter e conservar máis de 2,2 millóns de metros cadrados de zonas verdes

28/11/2013 A concelleira de Sostibilidade, María Pardo, explicou as principais características do que será o novo contrato de conservación e mantemento das zonas verdes do municipio. Agárdase que para a primavera poida comezar a executarse este novo contrato, que conta cun prezo de licitación de 3.326.967 euros ao ano para o mantemento de 2.276.500 metros cadrados de zonas verdes.

Á vista do orzamento proposto e do aumento da superficie, 654.229 metros cadrados máis, a concelleira cuantificou a baixa respecto o anterior contrato nun 25%. Nesta valoración tamén se inclúe o aumento do número de árbores en alcouve, ata as 4.495 unidades, e de xardineiras, ata as 186 unidades.

Segundo explicou María Pardo, o obxectivo principal do prego de condicións deste contrato é "servir como documento guía para o establecemento dos criterios de sostibilidade que deben rexer as operacións de deseño, execución e mantemento, así como a xestión das zonas verdes que se realicen na cidade de Santiago de Compostela". Entre as novidades deste prego destacou a introdución dun sistema de indicadores, que permitirá avaliar coa máxima exactitude o mantemento que se realiza en cada unha das superficies verdes do municipio.

Dentro da superficie actual de zonas verdes urbanas, 2.276.500 metros cadrados, fíxanse tres niveis de mantemento: nivel 1, con 1.247.844m2; nivel II, con 742.070m2; e nivel III, con 286.586m2. Segundo estes niveis, establécese un prezo por metro cadrado de mantemento de 1,90 €/ m2 (nivel I), 1,06 €/ m2 (nivel II) e 0,14 €/ m2 (nivel III), respectivamente. Outros prezos base incluídos na licitación son os de unidade de árbore en alcouve, 14.85 €/ud/ano, ou de xardineira, 26 €/ud/ano. O prezo do mantemento das superficies verdes dos 23 colexios da cidade establécese en 12.502,20 €/ano.

Lembrou a concelleira que no mantemento tamén se inclúen as especies vexetais, os camiños e paseos existentes dentro de cadansúa zona, as fontes e os estanques, as áreas deportivas descubertas e o mobiliario dentro das zonas verdes, agás o alumeado e a limpeza das áreas infantís.

Diagnóstico e filosofía sostible
María Pardo salientou as novidades que introduce este prego, como a obrigatoriedade da realización dun diagnóstico sobre a situación actual de aplicación dos principios de sostibilidade aplicados á xardinería. Así, dixo, o prego baséase na filosofía de incorporar a todos os ámbitos da xestión das zonas verdes principios como a redución e optimización do consumo de auga ou de enerxía, a xestión sostible dos residuos, a optimización do consumo de materiais e de recursos materiais, a protección da biodiversidade ou o fomento da participación cidadá.

Á hora de elixir a empresa concesionaria, os técnicos municipais valorarán, ademais do devandito diagnóstico da situación actual, cuestións como a organización técnica da empresa, uns bos programas de xestión, a informatización do servizo de conservación ou a modernización da maquinaria e dos vehículos destinados ao mantemento, segundo o principio de sostibilidade proposto.

As empresas que se presenten ao concurso deberán propor melloras como un plan de xestión para o aforro da auga de rega nas zonas verdes; un plan de mantemento sostible do mobiliario urbano existente dentro das zonas verdes; un plan de mantemento das instalacións deportivas descubertas, un plan de sensibilización ambiental e un plan director que englobe a totalidade das zonas verdes e propoña as correspondentes actuacións dende un punto de vista da referida sostibilidade.

Compartir: