ALCALDÍA

Avanzan ao ritmo previsto as obras de reurbanización da rúa de San Pedro

27/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou as obras na rúa de San Pedro, constatando que "avanzan de acordo co previsto", coa previsión de que "a finais de febreiro, a obra estea rematada, e mesmo estea incorporado o novo mobiliario urbano". Neste sentido, de favorecer o clima, non descartou que se poida adiantar a conclusión dos traballos.

Lembrou o alcalde que esta actuación supón un investimento de case 500.000 euros para "favorecer o paseo peonil nesta entrada do Camiño de Santiago, pero tamén para facilitar o tránsito dos vehículos co forxado do pavimento da calzada". A propósito deste ultimo, apuntou a "conveniencia de fixar unha limitación de peso dende o mesmo momento que se abra ao tráfico a rúa". Sobre o paso dos autobuses, cre que non será preciso limitalo, pero "quizais haxa que buscar autobuses con menor lonxitude e que poidan manobrar ben nunha calzada máis limitada".

Ángel Currás agradeceu aos veciños e veciñas de San Pedro a súa "tolerancia" con estas obras, convencido de que percibirán "a mellora notable na rúa". Confía igualmente en que, desta vez, a remodelación teña "carácter definitivo", lembrando as diversas reformas que sufriu esta rúa nos últimos anos.

Compartir: