MULLER E IGUALDADE

Máis de 100 profesionais participarán no I Congreso Nacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero

27/11/2013 O 25 de novembro celebrouse o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Con tal motivo, a Concellería Familia, Benestar Social, Muller e Igualdade organiza o I Congreso Nacional de Intervención e Prevención da Violencia de Xénero, que se celebrará os días 28, 29 e 30 de novembro no Hotel Oca Puerta del Camino.

Este Congreso, segundo a concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao, nace da necesidade de "condenar a violencia de xénero en todas as súas manifestacións, de concienciar e sensibilizar contra a violencia machista e de promover a empatía da cidadanía para tomar partido en contra da violencia contra as mulleres". Este encontro proporcionará un lugar de intercambio e reflexión sobre os diferentes enfoques de actuación ante a violencia de xénero, para mellorar a formación entre os diferentes profesionais cara unha eficaz prevención.

O Congreso ten carácter multidisciplinar e está dirixido especialmente a profesionais que traballan en áreas ás que afectan directamente cuestións relacionadas coa violencia de xénero. Tal foi a demanda por participar, que a Concellería tivo que ampliar de 100 a 130 o número de prazas de asistentes dispoñibles. A admisión de participantes pechouse xa o 14 de novembro.

Ao longo destas tres xornadas abordaranse as cuestións relacionadas coa violencia de xénero dende distintas áreas profesionais, dando resposta ás necesidades que se demandan dende as diferentes disciplinas. Profesionais de diferentes ámbitos ofrecerán relatorios, complementados con dúas mesas redondas: unha sobre a violencia de xénero no ámbito xudicial galego e outra sobre as boas prácticas policiais para combater esta lacra.

Programa da primeira xornada
O alcalde compostelán, Ángel Currás; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; e a concelleira de Muller e Igualdade, María Castelao, inaugurarán o Congreso ás 9:30 horas. A continuación, Teresa San Segundo Manuel, mestra titular en Dereito Civil pola UNED pronunciará o relatorio de apertura, titulado "Violencia de xénero: como afecta aos nosos fillos".

A sesión de mañá desta primeira xornada completarase coa intervención de Pilar Sepúlveda García de la Torre, avogada, vitimóloga e presidenta de AMUVI Sevilla, quen falará sobre "Abordaxe á vítima: vitimización secundaria e persoas especialmente vulnerables na violencia de xénero".

Lourdes Noya Ferreiro, secretaria xeral da USC, abrirá a sesión de tarde cun relatorio titulado "Violencia de xénero: un reto para a xustiza". Tras esta intervención celebrarase unha mesa redonda sobre a violencia de xénero no ámbito judicial galego. A subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral de Igualdade, María Belén Liste Lázaro moderará un debate no que participarán Fuencisla Ladrón de Cegama Escudero, Pilar Fernández Pérez e Aránzazu San José González , todas elas fiscais de Violencia de Xénero en Santiago.

Pechará esta primeira xornada o relatorio "O tratamento da violencia de xénero onte e hoxe. Perspectivas de futuro", a cargo de Estela San José Asensio, xuíza do Xulgado de Instrución nº 3 de Lugo.

Direcciones relacionadas



Compartir: