EMPREGO

Máis de 50 empresas participarán no Foro da Intermediación e o Emprego

26/11/2013 O xoves 28 e venres 29 de novembro, o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia acolle o Foro da Intermediación e o Emprego, unha iniciativa da Concellaría de Economía, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela. Durante dúas xornadas, o Foro desenvolverá un amplo programa de actividades formativas, así como diversas sesións de encontros con empresas e a celebración de procesos de selección concertados pola Axencia Local de Colocación. A concelleira de Emprego, Reyes Leis, ofreceu os últimos datos do evento en rolda de prensa.

Máis de 35 actividades gratuítas integran a oferta formativa do FIE. Entre as numerosas propostas hai obradoiros de "Emprego 2.0 - Redes Sociais" (Twitter, Facebook, Blogs e Linkedin), cursos de carretilleiro, coctelería ou primeiros auxilios (básico, infantil e xeriatría) e seminarios como "A FLC e a normativa, acreditación e formación homologada en Prevención de Riscos Laborais xeral e específica no sector da construción" ou "Certificados de profesionalidade, novidades lexislativas".

O obxectivo principal destas actividades é mellorar as competencias e a cualificación profesional dos participantes, ofrecéndolles ferramentas útiles para afrontar a busca de traballo. Todas elas serán impartidas por recoñecidos especialistas e contarán cunha certificación que permita aos asistentes acreditar a súa formación.

Para participar no programa, os interesados deben formalizar unha inscrición online, totalmente gratuíta. En axencialocaldecolocacion.org pode atoparse o formulario para inscribirse, así como a listaxe completa de actividades. Máis de 500 persoas confirmaron xa a súa asistencia na oferta formativa.

Ao tempo que se desenvolve este programa, no Pazo de Congresos haberá unha zona habilitada para as máis de 50 empresas que participarán no Foro de forma activa. Firmas tan importantes como Carrefour, Vegalsa, Grupo Eqa, Sanitas, Banco Etcheverría, Plexus, C&A, Leroy Merlin, Teleperformance ou "R" Cable e Telecomunicaciones Galicia, recibirán ás persoas interesadas en coñecer a actividade das empresas e os perfís máis demandados, a través de sesións de diálogo. Para concertar asistencia a estas charlas informativas precísase inscrición previa en axencialocaldecolocacion.org. A día de hoxe hai inscritos máis de 400 participantes.

Seleccións de candidatos
Por último, durante as dúas xornadas levaranse a cabo diversas sesións concertadas de selección de candidatos/as para postos de traballo ofertados a través da Axencia Local de Colocación entre o 25 de outubro e o 25 de novembro. A día de hoxe hai xestionadas máis de 70 ofertas.

O acceso ao Foro da Intermediación e o Emprego é libre e gratuíto para todas as persoas interesadas. Os asistentes contarán cunha zona de stands informativos, asesoramento e orientación laboral, con presenza destacada dos servizos da Axencia Local de Colocación, que na actualidade interactúa con máis de 20.000 persoas, e das Entidades asinantes do Pacto polo Emprego.

Ademais, haberá unha sala de ordenadores para a activación de usuarios na Axencia Local de Colocación, así como unha zona multimedia para a entrega de currículos en formato dixital, atendida por persoal especializado e equipada con terminais de acceso exclusivo a plataformas online de empresas, onde os participantes poderán inscribirse en ofertas de emprego específicas.

Direcciones relacionadas



Compartir: