ALCALDÍA

En marcha as obras en Doutor Teixeiro

25/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, visitou as obras que se están a realizar na rúa Doutor Teixeiro. En próximos días tamén comezarán os traballos previstos en República Arxentina, San Pedro de Mezonzo e Santiago de Chile. En todas estas obras elaborouse un programa de traballo para que non interfiran na campaña comercial do Nadal.

Estas obras na rúa Doutor Teixeiro está previsto que estean rematadas o 6 de decembro. Procederase ao levantado dos bordos deteriorados e á recolocación á cota axeitada, para evitar que os vehículos invadan a beirarrúa, facilitando ademais a evacuación de pluviais. Nas beirarrúas, reporanse as partes deterioradas con baldosas de tipo terrazo nova. Tamén se substituirán árbores e colocaranse xardineiras modulables de chapa de aceiro nas intereseccións con outras rúas.

A intervención nesta rúa completarase co reforzo da fixación de tapas de arquetas, a substitución de bolardos, a equiparación de seccións en relación a outras rúas e a adecuación das beirarrúas e dos seus contactos con calzadas ou edificios á normativa de accesibilidade vixente.

Compartir: