CULTURA

Película sorpresa e último pase de "Like father, like son" este martes 26 en Cineuropa

25/11/2013 Na xornada do martes en Cineuropa chega unha das citas máis esperadas do festival: a proxección do filme sorpresa, do que levamos dando pistas varios días e do que por fin, se desvelará o segredo ás 22:15 horas no Teatro Principal. Ademais, poderemos ver por última vez no festival Like father, like son, co que Kore-Eda obtivo o Premio do Xurado en Cannes e o Premio do Público en San Sebastián. Tamén poderemos ver os pases últimos de Poll, de Kraus, e La enfermedad del sueño, de Köhler.

Este martes 26 chegará ao festival por vez primeira The Congress, de Ari Folman; Un toque de violencia, de Jia Zhang Ke, que gañou o mellor guión en Cannes; e Halley, de Sebastian Hofmann. E teremos un novo pase de Post mortem, de Pablo Larrain, e de Klip, de Maja Milos.

Completan o programa do martes pases únicos de dez filmes. Entre eles destacamos L’ape regina, de Ferreri, que presentará Daniel Gascó; Mercedes Sosa, la voz de Latinoamérica, de Rodrigo Vila, que estará na proxección para presentala e debater co público xunto con Fabián Matus, fillo de Mercedes Sosa; e Ana y yo, de Primavera Ruiz, quen tamén estará na sala para presentar e debater o filme. Presentes nas proxeccións tamén estarán Xosé Antonio Cascudo para Sesión de José Antonio cascudo: O instante eterno (montaxe non definitiva) e Marcos Nine para Sesión de Marcos Nine: A viaxe de Leslie (montaxe non definitiva) .

Os outros filmes que poderemos ver só nesta xornada do festival son: Los dueños, de Agustín Toscano e Ezequiel Radusky; Balaou, de Gonçalo Tocha; Vikingland, de Xurxo Chirro; Torres e cometas, tamén de Gonçalo Tocha; e Si può fare, de Giulio Manfredonia.

A continuación, os comentarios do director do festival, José Luis Losa, de dous dos filmes da xornada e as pistas dadas ata agora da película sorpresa nas redes sociais do festival:

Pistas da película sorpresa

- "Que serías capaz de facer por un puñado de dólares? A película sorpresa deste ano chega arrasando desde Texas pero non é de Sergio Leone".

- "Arrasou nun festival bastante gamberro. Pero non é cinema de terror, senón unha comedia. Unha comedia" de bares". Aínda que mellor non busquedes nela o bo rollo de Cheers porque non o atoparedes."

- TIAN ZHU DING (A TOUCH OF SIN) . Jia Zhang Ke espráiase en contarnos que China é unha pota a presión, un lugar onde a violencia a flor de pel e a explotación do home polo home presiden un pandemonium que por momentos se achega ás distopías apocalípticas. Gañador do mellor guión en Cannes.

- LIKE FATHER, LIKE SON. Kore-Eda móvese nese mundo que manexa como ninguén a contorna familiar, as relacións de pais e fillos. Spielberg emocionouse e deulle o premio do xurado en Cannes.

Direcciones relacionadas



Compartir: