CULTURA

Chega a Cineuropa "Klip" e proxéctase por última vez "Night moves"

24/11/2013 Na xornada do luns poderemos ver o primeiro pase de Klip, de Maja Milos, e teremos a última función de Night moves, de Kelly Reichardt, da que o director de Cineuropa di que é "tal vez, a mellor película do ano". Teremos tamén pases únicos de Colpire al cuore, de Gianni Amelio, que presentará Daniel Gascó; Samurai, de Gaspar Scheuer; All the ships at sea, de Dan Sallitt; Partner, de Bernardo Bertolucci, presentado tamén por Daniel Gascó; Il caimano, de Nani Moretti; e Girolimoni, il mostro di Roma, de Damián, tamén presentado por Daniel Gascó.

Tamén haberá un novo pase de Like father, like son, co que Kore-eda levou este ano o Premio do Xurado en Cannes e o Premio do Público en San Sebastián. Ademais, poderemos ver por última vez no festival Honeymoon e The unspeakable act, ambas de Dan Sallitt; Las analfabetas, de Moisés Sepúlveda, que estará na proxección para presentala e debater co público; Les salauds, de Claire Dennis; Der mann, der über autos sprang, de Baker-Monteys; e Die innere sicherheit, de Petzold.

A continuación, os comentarios do director do festival, José Luis Losa, sobre os filmes máis destacados da xornada:

- NIGHT MOVES. Talvez, a mellor película do ano. Kelly Reichardt (Meek’s Cutoff) atrévese cunha historia de terrorismo nos Estados Unidos. Un grupo de acción directa ecoloxista, coas caras de dúas estrelas que veñen do cinema teen-ager como Jesse Eisenberg e Dakota Fanning. Pero o que ofrece é cinema indescriptiblemente adulto, unha reflexión sobre a culpa e o remorso que remite a Dostoiewski.

- LIKE FATHER, LIKE SON. Kore-Eda móvese nese mundo que manexa como ninguén a contorna familiar, as relacións de pais e fillos. Spielberg emocionouse e deulle o premio do xurado en Cannes.

- THE UNSPEAKABLE ACT. A protagonista séntese o patiño feo. Só se percibe reconfortada cando está preto do seu irmán. Demasiado preto. Nesa bufarda na que a ela lle gustaría vivir xunto a el para sempre. Dan Sallitt ofrece unha prodixiosa obra de exploración da fraxilidade, dunha profundidade insondable e cunha actriz, Tallie Medel, que posúe a maxia inaprensible dos grandes rostros cinematográficos.

- LAS ANALFABETAS. E está tamén o Chile de agora, o normalizado polas adolescentes impúdicas de "Joven y alocada". Aínda que, para quen pense que todo aquilo non deixou un país partido en dous, que mellor espello que o de "Las analfabetas". Que gran Chile, que gran cinema! Sutil, cadencioso, ata que che pega unha poutada.

- LES SALAUDS. Claire Denis, á que dedicamos unha retrospectiva hai catro anos, volve cunha película que bordea o filme noir desasosegante, cunhas leis de familia de endogámica violencia, coa mirada de Chiara Mastroianni incapaz de deter a espiral.

Direcciones relacionadas



Compartir: