CULTURA

Primeiro pase da premiada "Like father, like son", de Hirokazu Kore-eda, na xornada do domingo en Cineuropa

23/11/2013 Na xornada do domingo 24 temos unha desas citas que non se poden perder en Cineuropa: a proxección de Soshite Chichi ni naru (Like father, like son), de Hirokazu Kore-eda. O filme chega con grandes expectactivas xa que acadou neste 2013 o Premio do Xurado en Cannes e o Premio do Público en San Sebastián. Ademais, teremos tamén o primeiro pase de Post mortem, de Larrain; de Tre Fratelli, de Rosi e de Las analfabetas, que aborda un reflexo do Chile actual e para o que contaremos coa presentación e debate con público do seu director, Moisés Sepúlveda.

Na xornada do domingo poderemos ver por última vez no festival L’image manquante, de Rithy Panh; L’inconnu du lac, polo que Alain Guiraudie levou o premio a mellor director este ano en Cannes; e Jiayou (Stray dogs) , Gran Premio do Xurado en Venecia; e teremos un novo pase de Tony Manero.

Completan o programa os pases únicos de Historias de cronopios y famas; Grzeli nateli dgeebi (In Bloom) , que obtivo o premio a mellor película e mellor actriz no festival de Saraxevo; Film d’amore e d’anarchia e a Sesión de David Hernández e José Ignacio Canosa; este último coa presenza e debate dos directores en sala

A continuación, os comentarios do director do festival, José Luis Losa, dos filmes máis destacados da xornada:

- LIKE FATHER, LIKE SON. Kore-Eda móvese nese mundo que manexa como ninguén a contorna familiar, as relacións de pais e fillos. Spielberg emocionouse e deulle o premio do xurado en Cannes.

- IN BLOOM. A esta formidable película xeorxiana deixáronlle apenas un palmo de terreo, no alternativo Forum de Berlín. E, desde alí, os seus adolescentes protagonistas correron á banda e acaban o ano como película de culto festivaleiro. Leva quilates de sensibilidade ben administrada no seu seo. Pase único, non se me despisten.

- L’INCONNU DU LAC. Alain Guiraudie lévanos a un lago onde se practica o cruising, unha zona de ligue rápido entre homosexuais. Pero axusten o cinto porque esta película pega, no seu epicentro, un xiro sorpresa abraiante que leva a historia a un terreo insospeitado, lindante co cinema de terror. De feito, ese golpe de temón prendeu a mecha en Cannes. Gócena, non o dubiden.

- LAS ANALFABETAS. E está tamén o Chile de agora, o normalizado polas adolescentes impúdicas de "Joven y alocada". Aínda que, para quen pense que todo aquilo non deixou un país partido en dous, que mellor espello que o de "Las analfabetas". Que gran Chile, que gran cinema! Sutil, cadencioso, ata que che pega unha poutada.

- JIAOYOU (STRAY DOGS). Tal vez, o acontecemento cinéfilo máis relevante do ano. O regreso de Tsai-Ming-liang ao seu nivel de cineasta esencial. E cunha película ferozmente política, en tempos de desafiuzamentos, de vida de cans. Os seus dous últimos planos-secuencia xa son case lenda, e iso que só hai dous meses do seu nacemento en Venecia.

Direcciones relacionadas



Compartir: