MULLER E IGUALDADE

Obradoiros para nenos e nenas destinados a promover valores de igualdade

23/11/2013 A concelleira de Benestar Social e Muller, María Castelao, asistiu aos dous obradoiros para nenos e nenas organizados no marco do III Plan de Igualdade e con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o 25 de novembro. Primeiro visitou o realizado no Centro Comercial As Cancelas e logo o de Área Central.

Estes dous obradoiros pretendían promover os valores positivos da igualdade entre os nenos e nenas, como principio fundamental da xustiza social. Tratábase de fomentar a tolerancia, de promover a corresponsabilidade nas tarefas do fogar, de ampliar o vocabulario dos nenos en prol da igualdade, de fortalecer a complicidade a través do traballo en equipo e de fomentar o pensamento crítico dos menores.

Nos talleres participaron de balde nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Os rapaces, entre outras actividades, puideron elaborar chaveiros de feltro e móbiles decorativos.

Compartir: