TURISMO

Santiago alcanza o millón de pernoctacións entre os meses de xaneiro e outubro

23/11/2013 O turismo internacional continúa crecendo en Santiago no 2013 despois de que o 2012 xa marcase o récord histórico na cidade, cando se alcanzaron as 417.245 pernoctacións no conxunto do ano. O 2013 é xa o mellor ano na demanda internacional da cidade, posto que entre xaneiro e outubro houbo 419.242 pernoctacións, superando a cifra total do ano 2012, grazas a un crecemento acumulado do 7,6% no que vai de ano.

O crecemento do turismo internacional en Santiago no último par de anos está facendo que se modifique a estrutura da demanda turística da cidade. Tradicionalmente, o turismo español tiña un peso moi importante, representando entre o 65% e o 70% do total das pernoctacións que tiñan lugar en Santiago. Esta situación era unha debilidade para o sector turístico por dous motivos: porque dependía en gran medida da situación económica do país, algo que se demostrou un lastre coa crise dos últimos anos; e porque o nivel de gasto do turista internacional é, en xeral, superior ao turista español.

Non obstante, no último par de anos estase modificando substancialmente esta situación, xa que o turismo internacional está gañando peso na cidade respecto o turismo español. Maio do 2012 foi o primeiro mes no que houbo máis pernoctacións internacionais que domésticas na cidade, algo que se repetiu dende entón en varios meses máis (xuño e setembro do 2012 e maio e xuño do 2013).

Os bos datos do turismo internacional están sendo acompañados por unha certa recuperación do turismo doméstico, que nos primeiros dez meses do ano creceu un 3,5% ata chegar ás 577.214 pernoctacións. Sumando as pernoctacións domésticas e internacionais alcánzanse as 996.456 pernoctacións, que representan un crecemento acumulado do 5,2% respecto do mesmo período do ano pasado.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, considerou que estes datos avalan "a estratexia de traballo que se está facendo no último par de anos dende Turismo de Santiago, centrando o esforzo da empresa municipal na promoción internacional da cidade". A intención de Turismo de Santiago no 2014, apuntou Reyes Leis, "é continuar crecendo en turismo internacional seguindo coa mesma liña de traballo e aproveitando as novas conexións aéreas de Lavacolla que abren novas oportunidades para Santiago e Galicia, Bruxelas e Roma, que responden ademais a demandas tradicionais do sector turístico e empresarial da cidade".

Compartir: