EMPREGO

O Foro da Intermediación e o Emprego contará con máis de 35 actividades formativas certificadas de balde

22/11/2013 O Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia será o escenario onde se desenvolva, durante os días 28 e 29 de novembro, o Foro da Intermediación e o Emprego, unha iniciativa da Concellería de Economía, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela.

O Foro integrará un amplo programa de actividades centradas na mellora das competencias e a cualificación profesional dos asistentes. Relatorios como "Presenza e busca de emprego nas Redes" ou "O recoñecemento da experiencia profesional"; obradoiros "Emprego 2.0 - Redes Sociais", xunto con cursos de primeiros auxilios ou manipulación de alimentos, entre outros, integran a oferta formativa deste Foro.

O obxectivo principal destas actividades é ofrecer aos participantes ferramentas útiles para afrontar a busca de traballo. Todas elas serán impartidas por recoñecidos especialistas e contarán cunha certificación que permita aos participantes acreditar a súa formación.

Para participar no programa, os interesados deben formalizar unha inscrición online, totalmente gratuíta, que lles asegurará unha praza naquelas actividades con aforamento limitado. O formulario para inscribirse xa está dispoñible no seguinte enlace, no que tamén se pode consultar o programa completo: axencialocaldecolocacion.org.

Ao tempo que se desenvolve o programa de actividades, no Pazo de Congresos haberá unha zona habilitada para o contacto entre os asistentes e Empresas. Firmas tan importantes como Leroy Merlin, Vegalsa, Grupo EQA, Limpiezas Salgado, Deltacargo, Actex, R Cable e Telecomunicacións Galicia, Prosegur, recibirán as persoas interesadas en coñecer os seus procesos de selección, a través de sesións de diálogo. Para concertar asistencia a estas charlas informativas precísase inscrición previa en axencialocaldecolocacion.org.

Por último, durante as dúas xornadas levaranse a cabo diversas sesións concertadas de selección de candidatos/as para postos de traballo ofertados a través da Axencia Local de Colocación entre o 25 de outubro e o 25 de novembro.

O acceso ao Foro da Intermediación e o Emprego é libre e gratuíto para todas as persoas interesadas. Os asistentes atoparán no hall principal do Palacio de Congresos unha zona de stands informativos da Axencia Local de Colocación e as entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela.

Ademais, haberá unha sala de ordenadores para a activación de usuarios na Axencia Local de Colocación, diversos puntos de asesoramento e orientación, así como unha zona para a entrega de currículos en formato dixital, atendida por persoal especializado e equipada con terminais de acceso exclusivo a plataformas online de empresas, onde os participantes poderán inscribirse en ofertas de emprego específicas.

Compartir: