CULTURA

O Primavera Sound Touring Party chega esta fin de semana a Compostela

22/11/2013 Esta fin de semana chega a Santiago o Primavera Sound Touring Party, que se celebrará sábado e domingo na Sala Capitol. Trátase dunha iniciativa do festival barcelonés que, enarborando o lema "In Live We Trust" está a percorrer gran parte da xeografía española e algúns puntos crave da europea como Inglaterra e Francia.

Do 16 ao 30 de novembro, un grupo de artistas do perfil do festival sóbense a dous autocares que os trasladarán a todas as cidades da xira e que conterán algunhas sorpresas que farán deste tour unha extensión do espírito Primavera en diferentes lugares da nosa xeografía e a dalgúns dos nosos países veciños. A cidade elixida en Galicia para desenvolver este proxecto é Santiago de Compostela, onde os concertos se celebrarán esta fin de semana. Así, o sábado poderemos escoitar a Extraperlo, The Free Fall Band, Paus e Svper; e xa o domingo, a Mishima, Furguson; L’Hereu Escampa e Za!.

As entradas xerais teñen un prezo de 15 € cada día e de 25 € para os dous días de actuacións. Os puntos de venda son o Portal Primavera Sound, Atrapalo e Ticketmaster, ademais da billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) e a da Sala Capitol.

A xira recala, ademais de en Santiago, única cidade galega na viaxe, nas cidades de Xixón, Santander, Valladolid, Bilbao, Valencia e Zaragoza e conta ademais con citas especiais en Madrid, Barcelona, Londres, Burdeos e o último dos weekenders do festival británico ATP, que terá lugar no xa soado recinto de Camber Sands.

Primavera Sound
Dende os seus inicios, Primavera Sound centrou os seus esforzos en ofrecer novas propostas musicais do ámbito independente xunto a artistas de contrastada traxectoria, abarcando calquera estilo ou xénero, buscando primordialmente a calidade e apostando esencialmente polo pop, o rock e as tendencias máis underground da música electrónica e de baile.

O festival contou ao longo da súa historia con propostas dos máis diversas cores e estilos. Así o demostran os artistas que durante estes doce anos desfilaron polos seus escenarios, entre os que podemos destacar a Neil Young, Sonic Youth, Pet Shop Boys,, Lou Reed, Patti Smith, Arcade Fire, Franz Ferdinand ou The Cure, entre moitos outros.

Ano tras ano, o festival foi incrementando tanto a asistencia de público como a repercusión nos principais medios de prensa, radio e televisión. Se a primeira edición de 2001 pechou cunha asistencia de 8.000 persoas, a de 2012, e xa convertido en acontecemento musical ineludible, case alcanzou as 150.000 visitas.

Compartir: