CULTURA

Primeiro pase de "Night moves" e pase único de "Pelo Malo" este sábado en Cineuropa

22/11/2013 Na xornada do sábado 23 poderemos ver por vez primeira a que o director de Cineuropa, José Luis Losa, considera que é "tal vez, a mellor película do ano", Night moves, e teremos o pase único de Pelo malo, Concha de Ouro no último Festival de San Sebastián. Tamén veremos por vez primeira Tony Manero e Honeymoon, e gozaremos da última oportunidade para ver os filmes The broken circle breakdown (Alabama Monroe), que nas anteriores proxeccións estivo moi ben valorada polo público.

Haberá pases únicos de Berlinguer ti voglio bene; Costa da Morte; Juan y Eva, na que contaremos coa presenza da súa directora, Paula de Luque; Casotto; Salto nel vuoto; Napolitani a Milano; Sesión de Carlos Álvarez-Ossorio, coa presenza do director en sala; Sesión de Mikel Zatarain, coa presenza e debate con ambos directores en sala; e Twilight’s last gleaming.

A continuación, os comentarios do director do festival, José Luis Losa, sobre algúns dos filmes máis relevantes da xornada:

- THE BROKEN CIRCLE BREAKDOWN (ALABAMA MONROE). Unha das tres películas finalistas aos Premios do Cinema Europeo Lux. Amor e distancia, unha parella que discute ata polas súas crenzas relixiosas. E unha fórmula de alquimia que conecta a lume coa fibra sensible.

- NIGHT MOVES. Tal vez, a mellor película do ano. Kelly Reichardt (Meek’s Cutoff) atrévese cunha historia de terrorismo nos Estados Unidos. Un grupo de acción directa ecoloxista, coas caras de dúas estrelas que veñen do cinema teen-ager como Jesse Eisenberg e Dakota Fanning. Pero o que ofrece é cinema indescriptiblemente adulto, unha reflexión sobre a culpa e o remorso que remite a Dostoiewski.

- L’INCONNU DU LAC. Alain Guiraudie lévanos a un lago onde se practica o cruising, unha zona de ligue rápido entre homosexuais. Pero axusten o cinto porque esta película pega, no seu epicentro, un xiro sorpresa abraiante que leva a historia a un terreo insospeitado, lindante co cinema de terror. De feito, ese golpe de temón prendeu a mecha en Cannes. Gócena, non o dubiden.

- PELO MALO. A Concha de ouro en San Sebastián conta os problemas dunha moza en corpo de mozo na moi machista Venezuela que roga pola vida do Comandante Chávez. Lembrarán a protagonista disfrazada para bailar "Mi limón, mi limonero…" nesta ma vie en rose caribeña.

- LES SALAUDS. Claire Denis, á que dedicamos unha retrospectiva hai catro anos, volve cunha película que bordea o filme noir desasosegante, cunhas leis de familia de endogámica violencia, coa mirada de Chiara Mastroianni incapaz de deter a espiral.

Direcciones relacionadas



Compartir: