URBANISMO

O alcalde reitera o compromiso municipal coa mellora da accesibilidade nas urbanizacións máis antigas da cidade

22/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Urbanismo, María Pardo, visitaron as obras de construción de ascensores en varios edificios das Casas de Ramírez. Son xa cinco os elevadores instalados nesta céntrica e antiga urbanización (con máis de 50 anos dende a súa construción) e en breve estará listo outro máis.

Ángel Currás expresou a sua satisfacción por comprobar de primeira man o resultado da aposta municipal pola mellora da accesibilidade, que se traduce na instalación de ascensores nesta urbanización das Casas de Ramírez, e noutras zonas como Vista Alegre, Vite ou Conxo. "É unha expresión do compromiso do Goberno con estas comunidades de veciños que dende hai moitos anos demandaban algo que era de xustiza", dixo.

Este compromiso municipal, segundo explicou María Pardo, plasmouse fundamentalmente na modificación da ordenanza reguladora da instalación de ascensores e na elaboración dun estudo de detalle para homexeneizar estes proxectos de colocación de elevadores. En calquera caso, a concelleira atribuíu o "mérito" a os veciños e veciñas, xa que son eles os que asumen e adiantan os gastos destas obras, se ben poden solicitar subvencións ao Ministerio de Fomento.

Ángel Currás insistiu na "formidable solución" que os ascensores supoñen para estas vivendas, "adaptando ao século XXI edificios en pleno centro da cidade" e dotándoos de "algo tan sinxelo, pero tan necesario para as persoas maiores ou con mobilidade reducida".

Compartir: