DEPORTES

O Concello entregará os Premios Santiago Deporte nunha gala o 12 de decembro

22/11/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, anunciou en rolda de prensa os nove gañadores dos Premios Deporte Santiago. Estes galardóns, que recoñecen publicamente a persoas, entidades, centros educativos e empresas polo seu labor deportivo no ano 2013, serán entregados na I Gala do Deporte de Santiago, que se celebrará o xoves 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia.

Os premiados foron Verónica Boquete, Borja Golán, Obradoiro CAB, Moncho Fernández, Muebles Compostela, Santiago Futsal, Colexio Manuel Peleteiro e Luis Villasenín. Todos eles recibirán un diploma e unha medalla conmemorativa personalizada no transcurso da I Gala do Deporte de Santiago.

Os gañadores desta edición foron elixidos por un comité avaliador presidido polo alcalde, Ángel Currás, actuando como vicepresidente o propio concelleiro de Deportes. Ademais, estaba integrado por un representante de cada grupo político municipal, Universidade de Santiago, Secretaría Xeral para o Deporte, Asociación Galega de Xestores Deportivos e Deputación da Coruña; e sete representantes dos medios de comunicación da cidade. En representación dos mesmos, compareceu na rolda, xunto a Adrián Varela, Antonio Bermúdez, da Cadea Ser.

Verónica Boquete foi designada como mellor deportista feminina da tempada 2012-2013. Xogadora actualmente do Tyreso FF (Suecia), foi subcampiona con este club da Liga sueca en 2013. Nesta temporada 2013/2014, o seu equipo está clasificado para os cuartos de final da Champions League. Internacional por España, foi declarada mellor centrocampista da Liga de Suecia en 2012.

O premio ao mellor deportista masculino recaeu no xogador de squash Borja Golán. Número 8 do Ranking Mundial, el foi o primeiro xogador español que entre os dez primeiros desta clasificación. É o vixente campión de España, título que xa obtivo en 11 ocasións. Conta con 29 torneos internacionais no seu palmarés.

Para o xurado, a entidade deportiva máis destacada foi o Obradoiro CAB. Recoñécese así o octavo posto logrado na temporada regular da Liga Endesa 2012/2013, o que lle permitiu clasificarse para os Play-Off polo título por primeira vez na súa historia. Nesta temporada gañou tamén a súa cuarta Copa Galicia consecutiva.

Tamén no seo do Obradoiro recae o premio ao adestrador máis destacado, xa que o galardoado é Moncho Fernández, encargado de levar ao club ao xa mencionado logro de entrar na loita pola Liga ACB. Adestra por cuarta temporada consecutiva ao equipo da súa cidade.

O premio ao mellor patrocinio deportivo foi para Muebles Compostela. Dende o ano 1986, esta empresa é patrocinadora principal do Club Ciclista Compostelán, apoiando ao ciclismo de base e organizando diversas probas nesta modalidade deportiva.

Nesta gala tamén se recoñecerá a mellor actividade ou acción social, realizada polo Santiago Futsal. O club organizou xornadas de divulgación dos valores do deporte nos colexios e varios campus de formación, ademais da Festa da Familia ou a Xornada da Fibrose Quística, entre outras actividades.

O Colexio Manuel Peleteiro recibiu o galardón á mellor entidade educativa, pola súa longa traxectoria na promoción da práctica do deporte. Cada ano pon en marcha unha gran variedade de actividades deportivas, entre as que destaca o seu campus de baloncesto no verán, ao que acoden importantes xogadores profesionais como convidados.

Finalmente, o premio honorífico á traxectoria deportiva será este ano para Luis Villasenín, deportista en varios clubs da cidade e que leva máis de 30 anos como directivo no mundo do ciclismo.

Documentos relacionados



Compartir: