OBRAS

As obras en varias rúas do Ensanche non afectarán á campaña comercial do Nadal

22/11/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, explicou en rolda de prensa o plan de obras previsto en varias rúas do Ensanche para as vindeiras semanas. En conversas coa asociación Santiago Centro, deseñouse un programa que permitirá que estas actuacións non afecten á campaña comercial do Nadal. As rúas sobre as que se intervirá nestes días son Doutor Teixeiro, República Arxentina, San Pedro de Mezonzo e Santiago de Chile.

As obras nas rúas Doutor Teixeiro, República Arxentina e San Pedro de Mezonzo forman parte dun único contrato, adxudicado por importe de 157.000 euros e 95 días de prazo de execución. As obras en Santiago de Chile executaranse nun máximo de 91 días e terán un custo de 73.724 euros.

En canto á afectación aos tráficos peonil e rodado, hai que ter en conta que, en todos os casos, non haberá obras entre o 20 de decembro e o 2 de xaneiro, xa que os empregados do sector da construción non traballar por convenio durante este período. Nestas datas o material de obra estará retirado para non interferir no paso dos peóns nin esteticamente. Para o resto de días de execución, deseñouse un programa, agrupando por datas e tramos as intervencións previstas. Está previsto que as obras estean rematadas na súa totalidade a finais de xaneiro ou principios de febreiro.

Doutor Teixeiro, República Arxentina e San Pedro de Mezonzo
No caso de Doutor Teixeiro, está previsto que as obras previstas nas beirarrúas estean rematadas antes do 6 de decembro. De non ser así, remataríase o último dos catro tramos programados para despois do período de Nadal. As obras en Doutor Teixeiro contemplan a demolición da beirarrúa de baldosa e dos bordos nos lugares en que estean en la estado, e a reposición con novas baldosas. Tamén se cambiarán os alcorques, reforzaranse vados de garaxes e colocaranse xardineiras en cruces con outras rúas.

A intervención na República Arxentina tamén se dividiu en varios tramos, de tal forma que entre o 6 e o 20 de decembro se executen aqueles con menor actividade comercial. O resto quedarán para despois do período do Nadal. Neste vieiro realizaranse obras semellantes ás previstas en Doutor Teixeiro.

No caso de San Pedro de Mezonzo a actuación principal será para o cambio do pavimento da calzada, completado con substitución de alcorques, reposición de bandas de estacionamento, cambio de bolardos e xardineiras. As obras realizaranse do 12 ao 20 de decembro, sen ningunha afectación ao tránsito peonil nin ao acceso a vivendas ou locais comerciais.

Santiago de Chile
A obra en Santiago de Chile limitarase nos días previos ao Nadal a aquelas zonas con menor actividade comercial, deixando para despois deste período o resto dos tramos. Este proxecto tamén inclúe a demolición da beirarrúa de baldosa e dos bordos nos lugares en que estean en la estado, repoñendo con novas baldosas; o cambio dos alcorques, o reforzamento dos vados de garaxes e a colocación de xardineiras en cruces con outras rúas.

Coñecido este programa de obras, o presidente de Santiago Centro, José María Fernández, agradeceu a total disposición municipal para "coordinar" cos comerciantes as obras. Lembrou a importancia de que as obras non interfiran na campaña comercial de Nadal, xa que, segundo dixo, "algúns establecementos fan ata un 30% da súa facturación nestas datas".

Compartir: