PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Premio de Escaparatismo distingue a orixinalidade e a integración no entorno de tres comercios do casco histórico.

12/07/2006 Un comercio téxtil de recente creación, Zürich-SCQ, situado no número 47 da Rúa do Vilar, foi o gañador do Premio de Escaparatismo SCQ Shopping da tempada de verán 2006. O xurado elixiu este escaparate entre os 47 participantes -17 máis que na campaña de primavera-, pola combinación harmónica da oferta de novas propostas estéticas dos seus produtos, así como pola súa organización do espazo e decoración interna.

A orixinalidade, a ambientación e a eficacia da mensaxe publicitaria, atendendo ao entorno dos establecementos son os criterios que valora este premio. Esta capacidade de integración no contorno foi precisamente o aspecto que insistiu en destacar o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, na presentación do fallo do xurado. Este aspecto é especialmente salientable tendo en conta que os tres comercios premiados están situados no casco histórico.

O establecemento gañador, Zürich-SCQ, logrou, cun pequeno expositor proxectado cara a rúa, "superar esta limitación, tornando todo o espazo interior da tenda nun grande escaparate", en palabras do xurado. Ademais, destácase a utilización da cor e da luz e a "atractiva explotación do contraste entre a nobreza da pedra e o uso de superficies planas en Branco, que remite inequivocamente á necesaria combinación de tradición e modernidade como factores de crecemento e futuro do comercio compostelán".

O segundo premio do certame foi para o comercio de artesanía Medialúa, situado na Rúa Travesa, 5. A proposta desta tenda recupera "a imaxe orixinaria do artesán que comercializa directamente os seus produtos, como un mediador entre a calidade das materias e a calidade do traballo manufacturado". O xurado indica tamén que "a presenza da figura do artesán na rúa convértese no reclamo para o paseante, unha icona inequívoca de que o reclamo é o home ou a muller que fai tanto como aquilo que as súas mans producen".

O terceiro escaparate recoñecido nesta edición é o do establecemento Canalé, situado nos números 7 e 9 da Rúa da Senra. Trátase dunha proposta decorativa que destaca polo "contraste entre as liñas rectas que ordenan e mandan no espazo arquitectónico e as figuras antropomorfas que serven de soporte expositor das prendas". A imaxe limpa e directa e o xogo de formas rotundas foron outros aspectos apreciados polo xurado.

Compartir: