TRÁFICO

Listo para a súa activación o operativo preventivo de inverno ante xeadas e nevadas

21/11/2013 O xoves 14 de novembro quedou preparado para a súa activación o operativo de inverno para facer fronte a situacións de xeadas ou nevadas nas estradas, rúas e beirarrúas da cidade. Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, a intención é "prever situacións de emerxencia e actuar en canto teñamos a información da inclemencia meteorolóxica, realizando os traballos de esparexemento de sal". Unha temporada máis, establécense tres niveis de alerta.

Para esta temporada de outono – inverno estarán preparados 10.000 quilogramos de sal, 2.000 máis que no ano precedente, ante a previsión dun inverno duro no meteorolóxico, apuntou o edil. En calquera caso, de ser necesario, adquiriríase máis sal. A compra do xa dispoñible supuxo un gasto de 3.000 euros.

Serán efectivos de Protección Civil, nun vehículo municipal, os encargados de esparexer a sal cando se decrete algún dos tres niveis de alerta. De ser necesario, reforzaríase o dispositivo coa Brigada de Vías e Obras e, ademais, a empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo tamén ten no seu contrato un servizo de esparexemento de sal en zonas peonís. Mesmo se prevé a posibilidade de recorrer a unha empresa ante unha situación especialmente adversa na meteoroloxía.

Tres niveis de alerta
Dos tres niveis de alerta dispostos, o primeiro contempla a previsión de xeo ou neve de maneira leve. Inclúe zonas como a costa de San Marcos, o vieiro Camilo José Cela, a estrada de Chaián ao Polígono do Tambre, os accesos ao Hospital Clínico, o acceso ao Hospital Provincial, a avenida Xoán XXIII ende Liño Villafínez ata a praza da Paz e a costa de Santa Isabel.

O segundo nivel engade ao previsto no nivel un as seguintes rúas e zonas: Amio e accesos ao Polígono de Costa Vella, Vía Edison (Polígono do Tambre), Salegueiriños e Meixonfrío, Rodríguez de Viguri, Mestre Mateo, costa de San Francisco, estrada de San Marcos dende San Lázaro ata Lavacolla e accesos das rúas Torrente Ballester e Roma.

O terceiro nivel de alerta inclúe os niveis 1 e 2 e, a maiores: SC-20 dende Milladoiro ata o Polígono; N-550 dende Sigüeiro a Meixonfrío; C-543 dende a glorieta de Lamas ata a Vidán; Rosalía de Castro, Juan Carlos I, Senra, Virxe da Cerca e Trompas; vieiro Filgueira Valverde dende Vidán á Rocha (e accesos Cantaleta); AG-56 dende a Rocha a Laraño (e accesos Pardiñas); acceso á Cruxeira dende Torrente; Restollal; entrada e saída cuarto xuro dende Camilo Otero, avenida de Castelao e Burgo das Nacións; Ánxel Casal e Camilo Díaz Baliño; glorieta Bernardo Barreiro; estrada dende a Ponte do Romaño ao Queiroal; Rodas, San Roque e Basquiños; Canteira de Arriba e Canteira de Abaixo (San Lázaro); Benéfica de Conxo; Lermo; Fontiñas (Berlín, Monte dos Postes, París, Roma, accesos túnel Área Central e Lisboa), Cancelas e zona de Mallou e da Pulleira; Sar, Canteiras de Sar, cruceiro de Sar e Diego Bernal e camiño dos Vilares. Tamén, segundo as necesidades, contémplanse parroquias como as de Figueiras (A Coba e Brins), Villestro (de Carballal a Piñeiro), Laraño (lugar de Pardiñas) ou Grixoa.

Ademais, tamén se contemplan unha serie de zonas peonís e beirarrúas nas que esparexer sal en caso de placas de xeo: Mestre Mateo, rúa Melide, escalinata de San Lázaro a Monte do Gozo, Hortas, costa do Cristo, Acibechería, Inmaculada, Fonte Sequelo, Xelmírez, Praterías, Castrón D’Ouro, Patio de Madres, García Sabell e Trompas.

Isto complétase cos dispositivos contra neve e xeo activados pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña ou o Ministerio de Fomento nos vieiros da súa titularidade, tales como as estradas nacionais de saída cara a Coruña, Pontevedra e Ourense, ou as saídas cara Noia, Trazo e Carballo.

Compartir: