EDUCACIÓN

Máis de 50 nenos e nenas están a participar cada día no Campamento Urbano

12/07/2006 Ata o vindeiro 28 de xullo, os nenos e nenas de cinco a doce anos teñen unha cita no Campamento Urbano que se desenvolve no CEIP Fontiñas. Dende o seu comezo, o 10 de xullo, unha media de 50 rapaces veñen pasando por este espazo de lecer. Agárdase que a participación medre aínda máis nos vindeiros días.

Este é o segundo ano do Campamento Urbano, que organiza o departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela, contando coa colaboración da Asociación Xuvenil de Cruz Vermella. Trátase dunha oferta para o ocio e o tempo libre, nunhas datas en que as familias demandan propostas de ocupación para os seus fillos e fillas.

Nesta iniciativa as actividades son diversas, comezando polos obradoiros de educación ambiental, artes plástica e cociña. Isto compleméntase con visitas guiadas a centros de interese da cidade, actividades deportivas e xogos cooperativos, xogos populares e tradicionais, mini-acampadas, excursións á praia ou saídas á piscina.

No Campamento Urbano poden participar nenos e nenas con idades comprendidas entre os cinco e os doce anos. Para tomar parte nas actividades é obrigatorio cubrir a ficha de solicitude de participación, que se entrega no Rexistro Xeral do Concello. Logo de confirmada a praza polo departamento de Educación, formalízase a inscrición co pago dunha cota, que é de 30 euros pola participación en todo o programa e de 15 euros por semana.

Compartir: