ALCALDÍA

As veciñas e veciños de Angrois recibirán o vindeiro sábado a Medalla de Ouro da cidade

20/11/2013 A Capela do hostal dos Reis Católicos acollerá o vindeiro sábado, 23 de novembro, ás 18:00 horas, o acto de imposición da Medalla de Ouro da Cidade de Santiago de Compostela ás veciñas e veciños de Angrois.

A Corporación municipal aprobara por unanimidade no Pleno celebrado o 31 de outubro a concesión desta Medalla de Ouro en recoñecemento público á actuación solidaria destes veciños con motivo do tráxico accidente ferroviario do 24 de xullo. No acordo plenario, que se lerá no acto, lémbrase que "a nosa cidade sufriu a maior traxedia da súa historia co accidente do tren Alvia o seu paso por Angrois". Ante a mesma, indícase que "a rápida actuación das veciñas e veciños foi esencial para que moitas das vítimas puideran salvar a súa vida. Esta mostra de valor e solidariedade merece a máxima distinción e recoñecemento".

O acto comezará coa interpretación da peza "Sarabanda", da Suite en Do Maior, de J.S. Bach, a cargo do violonchelista Plamen Velev. Logo da lectura do acordo plenario polo secretario do Concello, o párroco de Sar, José Porto Buceta, realizará a laudatio.

O alcalde entregará a Medalla de Ouro e un pergamiño de honra a un representante dos veciños de Angrois, que intervirá a continuación. Tras unhas palabras de Ángel Currás, a cerimonia pecharase coa interpretación de "Fantasía", sobre temas populares para solo violoncello.

Este acto únese ás numerosas homenaxes que estes homes e mulleres de Angrois veñen recibindo nos últimos meses. O último foi a entrega da Placa de Honra da Orde do Mérito Civil á Asociación de Veciños de Angrois, xunto a outras 48 entidades, asociacións, agrupacións e organismos oficiais que participaron nos labores de rescate das vítimas e de atención aos seus familiares no accidente ferroviario do 24 de xullo. A cidade gaditana de San Fernando tamén lles entregou a súa Medalla e, proximamente, os veciños e veciños de Angrois recibirán o recoñecemento da cidade de Córdoba.

Compartir: