EDUCACIÓN

Cita obrigada para nenos e nenas en Ferradura Aberta

12/07/2006 Os máis novos poden xa participar nas actividades de Ferradura Aberta, que un ano máis botou a andar no Paseo da Ferradura, na Alameda compostelá. Ata o 28 de xullo, nenos e nenas de dous a catorce anos poden participar de balde e polas tardes, de luns a venres, na ampla oferta lúdica do programa, organizado polo departamento de Educación. Agárdase que preto de 700 rapaces pasen cada día pola Alameda.

As opcións para a diversión son diversas, comezando polos obradoiros. Os rapaces poden aprender a facer cestos ou testos con vimbio, rotén ou la, pero tamén cadernos, álbumes de fotos ou tapas para os contos no taller de encadernación. Quen prefira traballar co papel pode coñecer as técnicas da papiroflexia e os máis amantes da natureza teñen a ocasión de visitar lugares da cidade coma o Campus, o río Sarela ou os arredores do Pedroso.

En Ferradura Aberta non falta espazo para o deporte. A esgrima, o tenis de mesa, o xadrez, os xogos de mesa, as carreiras de orientación, o rochódromo e o tiro con arco configuran a completa oferta deportiva. Outros xogos ben distintos teñen como protagonistas á lingua e á cultura galega, empregadas aquí para adiviñar, pintar e sorrir.

A oferta para os máis pequenos, entre dous e cinco anos, comprende unha ampla gama de xogos. E para que os pais non teñan de que preocuparse, Ferradura dispón dunha novidade: un lugar habilitado para eles onde poden falar, coñecerse e descansar.

O programa tamén inclúe diversas actividades extraordinarias, coma un espazo solidario, onde as distintas organizacións non gobernamentais difunden as súas actividades. Acampadas, paseos no tren turístico, sesións de contacontos e un laboratorio de experimentos científicos son outras das opcións. Todo isto, complementado con festas, espectáculos infantís, música, teatro, camiñatas pola cidade, karaoke, monicreques, inchables, sesións de animación e algunha que outra sorpresa.

A décimo terceira edición de Ferradura aberta foi inaugurada polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado dos concelleiros de Educación, Elvira Cienfuegos. e de Deportes, Manuel Portas.

Compartir: