CULTURA

María de Medeiros recolle o Premio Cineuropa

18/11/2013 Na xornada do martes 19 entregarase o segundo dos premios Cineuropa, neste caso a María de Medeiros. Será nun acto no Salón Teatro, ás 21:30 horas, cando o concelleiro Francisco Noya lle entregue o premio á actriz, directora e cantante portuguesa.

Logo da entrega do Premio Cineuropa, os asistentes poderán ver o filme Repare bem (Os ollos de Bacuri), dirixido por ela mesma. Tamén na xornada de martes, oportunidade para ver por vez primeira Le dernier des injustes e La jalousie, ademais de diversos filmes alemáns e dos pases únicos de Une historie seule e Il caso moro. Ademais, última ocasión para ver Much ado about nothing, Salvador Allende e Carne de perro e pases novos de Heli e Jiayou (Stray dogs).

A continuación, os comentarios de José Luis Losa, director do festival, sobre algúns dos filmes da xornada e sobre o Premio Cineuropa a María de Medeiros:

- MUCH ADO ABOUT NOTHING (MOITO RUÍDO E POUCAS NOCES). Si, len ben. Joss Whedon, director e guionista de ‘Os Vengadores da Marvel’ e de ‘The cabin in the Woods’ reláxase filmando cos seus colegas unha versión dos enredos amorosos da peza de Shakespeare que funciona moito mellor que a acartonada película de Kenneth Branagh. É pura comedia romántica, das que conectan co público desde o primeiro diálogo.

- LA JALOUSIE. Unha das xoias da coroa deste 27º Cineuropa. Este Philippe Garrel chega ao noso festival como absoluta primicia en España. Como bo Garrel, os seus personaxes combaten e discuten o amor sen sentido. Xogan á parella aberta, dánanse, un máis que outro, esboróanse, tentan sobrevivir ou, pola contra, quitarse do medio. Puritito Garrel, directo desde Venecia, só para os seus ollos.

- HELI. Amat Escalante gañou o premio á mellor dirección en Cannes por esta visión nihilista dun México presidido pola violencia. A súa fama altisonante vénlle da celebrada secuencia na que uns testículos son incendiados á brasa. Pero iso é a anécdota. Uns segundos chamuscados. O que hai de fondo é un demoledor órdago contra o todo.

- JIAOYOU (STRAY DOGS). Tal vez, o acontecemento cinéfilo máis relevante do ano. O regreso de Tsai-Ming-liang ao seu nivel de cineasta esencial. E cunha película ferozmente política, en tempos de desafiuzamentos, de vida de cans. Os seus dous últimos planos-secuencia xa son case lenda, e iso que só hai dous meses do seu nacemento en Venecia.

MARÍA DE MEDEIROS

"María de Medeiros é un deses poderes actorais que se fan fortes sobre un enigma. En ocasións, unha actriz, un actor, teñen ou traballan ese don, o da fascinación do enigmático.

Medeiros é actriz cuxa formación e crecemento vén de dous directores portugueses: a magnífica Teresa Villaverde, coa cal alcanzou esa cima de sensibilidade prodixiosa que é Três irmaos, que souberon descubrir en Venecia e recoñecer a Maria coa Coppa Volpi, e Manoel de Oliveira. Aquí xorde xa un deses lazos entre aqueles que nos honran ao recibir o noso premio, unha desas complicidades tan queridas como inevitables, porque nos movemos sempre nun territorio de sensibilidade creativa que forzosamente enlaza aos nosos premios Cineuropa. Manoel, que estivo aquí recollendo o recoñecemento do festival en 2004, dirixiu a Maria en A Divina Comedia e en Porto dá Minha Infância, películas que proxectamos naquela integral de Manoel de Oliveira de hai nove anos. Así que alí estaba María. Aínda que, se miramos cara atrás, de novo as liñas entrecruzadas, os espazos compartidos, a Maria puidemos vela xa, brevemente, na segunda edición de Cineuropa, a primeira celebrada no Principal, en La lectrice, aquela pequena gran obra mestra de Michel Deville.

Tivémola tamén na nosa pantalla en 1994, naquel dueto prodixioso xunto a Maribel Verdú de Huevos de oro. E aquí de novo, a empatía, o cruzamento de camiños con outro dos nosos Premios Cineuropa, Bigas Luna, a quen este ano rendemos tributo e recordo xunto a José Luís Borau.

Da mirada de Bigas para percibir talentos actorais non fai falta explicitar nada a estas alturas. Pero si está ben lembrar que antes de Tarantino e Pulp Fiction foron Bigas ou Gonzalo Suárez, quen de novo soubo atrapar esa fraxilidade alquímica que sabe transmitir María, en El detective y la muerte, outra película que pasou no seu día polo noso festival.

Pero María non é soamente esa actriz sen parangóns. A que se fixo en Portugal, con Oliveira ou Villaverde, a que namorou a Hollywood, a Philip Hauffman, que atopou nela a unha Anais Nin que era de lonxe, o máis auténtico e resplandecente daquela película. É máis, alguén debera reformularse filmar a María, Anaïs, con fidelidade aos Diarios.

María de Medeiros é tamén cineasta tras a cámara, e este ano terémola aquí nesa faceta. A María directora de ficcións como A morte do príncipe, e de cinema documento da realidade histórica do seu país en Capitanes de Abril. E tamén da recuperación da historia pouco contada de Brasil, con Repare-Bem (Os ollos de Bacuri), premiada hai uns días no Festival brasileiro de Gramado, na que indaga no que foi a loita contra a longa ditadura militar brasileira da segunda metade do pasado século.

E María, cantante, performer, da que gozaremos o día 18 nun concerto no Teatro Principal que irá da bossa-nova a Tom Waits".

Direcciones relacionadas



Compartir: