MEDIO AMBIENTE

As obras nos colectores do Sar e as melloras técnicas na EDAR da Silvouta mellorarán a calidade ambiental da contorna compostelá

18/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás; a concelleira de Sostibilidade, María Pardo; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; e o director de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, visitaron as obras de execución dos colectores do río Sar.

Estas obras hidráulicas, executadas polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, teñen como obxecto a remodelación do actual sistema de saneamento e control das augas de tormenta das concas vertentes ao río Sar, no treito entre Pontepedriña e a depuradora da Silvouta. Execútase un treito de colector ao que se incorporan diferentes colectores secundarios mediante tanques de tormentas ou arquetas de control.

O proxecto visitado, que se atopa ao 60% da súa execución total, consta dun investimento económico de 25,3 millóns de euros achegados polo Goberno central. Prevese que estas actuacións de mellora, que evitarán os vertidos ao río Sar e as grandes infiltracións que se dan no colector, estean finalizadas no ano 2015.

Melloras técnicas
O responsable de Medio Ambiente salientou que "estase a preparar outro convenio para realizar melloras técnicas imprescindibles na depuradora de Silvouta, co obxectivo de licitalas e executalas en 2014 e que estean rematadas a principios de 2015, o que suporá unha mellora ambiental importante para o río Sar".

Estes arranxos na depuradora de Silvouta suporán unha optimización na tecnoloxía de tratamento e un incremento na capacidade de depuración de augas residuais. Así, estas adecuacións sumadas ás obras nos colectores do río Sar, visitadas, posibilitarán un aumento da calidade ambiental do afluente compostelán e a súa contorna.

Hernández tamén engadiu que "estas melloras veranse reforzadas coa nova depuradora de Souto, que require un investimento de 64,5 millóns de euros. Neste senso, indicou que "actualmente estase rematando a tramitación ambiental e dando todos os pasos para que se poida licitar o próximo ano".

Compartir: