CULTURA

A Banda de Música de Salcedo gaña na sección primeira do VII Certame Galego de Bandas

17/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu no Auditorio á última xornada do VII Certame Galego de Bandas, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e que se celebrou durante a fin de semana. A Banda de Música de Salcedo obtivo o primeiro posto na sección primeira, a das bandas con máis de 71 membros.

A banda de Salcedo, baixo a dirección de José Alfredo Sánchez Murcia, acadou un total de 350 puntos. Completaron o podio a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira, dirixida por Miguel Rodríguez Barrio, con 308 puntos, e a Banda de Música Municipal de Valga, baixo a batuta de Manuel Villar Touceda, con 244 puntos. O público que encheu ao logo da xornada o Auditorio de Galicia tamén puido deleitarse coas interpretacións das bandas de Caldas de Reis e de Vincios.

O xurado composto por José Iglesias, José Luis Represas, Marta Silva, Xosé Carlos Seráns e José Luis Quintáns anunciou o seu veredicto en torno 21:00 horas, tras valorar afinación, sonoridade, interpretación e técnica de cada unha das bandas participantes. As cinco bandas interpretaron durante 45 minutos cada unha un pasodobre; unha obra obrigatoria, "Insomnio", de Juan Manuel Eiras; e unha obra de elección libre. A primeira clasificada, a banda de Salcedo, decantouse polo pasodobre "Bagaxes", de Carlos Rodríguez, e pola obra "Belkis, Regina di Saba", de Ottorino Respighi.

Na xornada do sábado celebráranse as seccións segunda (bandas con entre 51 e 70 membros) e terceira (menos de 50 músicos), resultando gañadoras as bandas de Santa Cruz de Ribadulla e de Vilatuxe, respectivamente. Na segunda sección, Ribadulla impúxose con 344 puntos, rematando en segunda posición a Sementeira de Cambre e en terceira a viguesa Atlántida de Matamá. Pola súa banda, na sección terceira, a Banda de Música de Vilatuxe logrou o primeiro posto con 291 puntos, acadando a segunda praza a Agrupación Musical de Belesar e a terceira a Banda de Música de Solfa, que ademais foi recoñecida co premio á temática galega.

Entrega de premios
Ao rematar o Certame fíxose entrega dos premios ás bandas galardoadas, así como aos compositores recoñecidos no VI Concurso Galego de Composición. O gañador desta edición foi Jaime Ismael Enguídanos Royo, grazas a súa obra "Aires do norte", quedando finalista Miguel Brotóns Pérez con "Codex Calixtinus". Ambas as dúas obras serán estreadas pola Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música no concerto que se celebrará o domingo 29 de decembro. Durante este acto interviñeron, ademais do alcalde, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director de AGADIC, Jacobo Sutil.

Compartir: