CULTURA

Últimas sesións de "Tots volem el millor per a ella", de Mar Coll, e de "For those who can tell no tales", de Jasmila Zbanic

16/11/2013 Ata nove filmes diferentes se poderán ver en Cineuropa na xornada do domingo 17, última oportunidade para ver Tots volem el millor per a ella, de Mar Coll, e For those who can tell no tales, de Jasmila Zbanic.

Nesta xornada ofrecerase tamén o pase único de La cina è vicina, de Bellochio, e Thirteen day, de Donaldson; e a primeira das sesións de Schlafkrankheit’ de Kölher e Il caimano, de Moretti. E poderemos ver unha nova sesión de Much ado about nothing, de Joss Whedon; Tokio Family, de Yôji Yamada, e Les dernier des injustes, de Claude Lanzmann.

A continuación, os comentarios do director do Festival, José Luis Losa, sobre algún dos filmes destacados desta xornada de domingo:

- TOTS VOLEM EL MILLOR PER A ELLA. A ópera prima de Mar Coll, "Tres días con la familia", pasou polo noso festival en 2010 e supúxolle o Goya como mellor directora novel. O escepticismo da directora sobre as leis da convivencia non baixou a garda. Inaugurou a Seminci e Nora Navas, soberbia, gañou o premio de interpretación polo seu rol de muller ferida (literalmente) incapaz de ser aceptada.

- FOR THOSE WHO CAN TELL NO TALES. A súa directora, Jasmila Zbanic, gañou o Oso de ouro con só 22 anos por "Grbavica". Agora lévanos do brazo dunha turista australiana para trasladarnos ao escenario do que foi o horror balcánico, na ponte sobre o Drina. Sen mostrar unha soa imaxe daquela matanza, é un soberbio exercicio de cinema que aterra e desasosega desde fóra do campo. Nesa ponte sobre o Drina...

- MUCH ADO ABOUT NOTHING (MOITO RUÍDO E POUCAS NOCES). Si, len ben. Joss Whedon, director e guionista de ‘Os Vengadores da Marvel’ e de ‘The cabin in the Woods’ reláxase filmando cos seus colegas unha versión dos enredos amorosos da peza de Shakespeare que funciona moito mellor que a acartonada película de Kenneth Branagh. É pura comedia romántica, das que conectan co público desde o primeiro diálogo.

Compartir: