CULTURA

José Sacristán recolleu o Premio Cineuropa

16/11/2013 O actor José Sacristán recibiu o primeiro dos premios Cineuropa desta edición. Recolleu o galardón no Teatro Principal de mans da tenente de alcalde, Amelia González.

Logo da entrega do Premio Cineuropa púidose ver o filme de David Trueba Madrid 1987, protagonizado polo actor. Previamente, Sacristán mantivo un encontro aberto ao público no centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia, no que tamén estiveron os cineastas Javier Rebollo, Jonás Trueba e o director de Cineuropa, José Luis Losa.

A continuación van os comentarios de José Luis Losa sobre o premiado, José Sacristán:

Cando, fai agora algo máis de dous anos, me decatei de que a película que o meu amigo Javier Rebollo levaba tempo localizando en Arxentina, unha deconstrución do western, da road-movie, do cinema negro, unha deconstrución do cinema, ía ser interpretada por José Sacristán, tiven un instante de euforia. Javier levaba meses entre Arxentina e Uruguai, extraviado. Pepe representaba nos escenarios españois un espléndido Don Quixote e nos seus case sesenta anos de carreira e despois de 140 películas non é que non gañase un Goya, é que nin sequera estivera nunca nomeado. Dicíalo e soaba a mascarada, a Episodio Nacional, a crime moi académico.

Daquel encontro do xenio deconstructivo de Javier co xenio para todas as estacións de Pepe Sacristán resultou unha película irredenta, El muerto y ser feliz, un fogonazo libertario ao que ladraron os cans medorentos do seu fulgor, unha aura que parecese que, como na cova de Platón, fixo que algúns descubrisen que aquela sombra que estivera alí todo aquel tempo era a dun actor totémico, irrepetible, como o son todos os grandes. Javier Rebollo propoñía na súa película unha visionaria sacristanización de Sacristán, quen comezaba como un killer que falaba un latinoché de Chinchón e, sen fisuras, acababa por adquirir a liberdade de ser el mesmo, de reinventarse xogueteando co seu propio tótem.

Coma se de súpeto todos se deran conta de quen era o Xefe da Tribo, a Sacristán sacralizárono en San Sebastián. E déronlle o Goya. E el seguiu explorando esa feliz reinvención, reclamado polos directores da nosa nova onda, Isaki LaCuesta, Carles Vermut, en obras que pronto verán a luz e que van facer de Pepe o actor da nosa vangarda.

En Inglaterra a alguén así chámano Sir. Cando lle entregaron o seu Goya, Sacristán tivo a nobreza dun "sir", cando se recoñeceu tan interesado nos cineastas airados que o reclaman como seu e, ao tempo, tivo as súas primeiras palabras de recoñecemento para Pedro Masó, algo que non quedaba cool e por iso era dobremente audaz e irradiaba a elegancia dun actor agradecido ás súas orixes.

Sacristán, non sei se iso pesa moito, é agora o Xefe da Tribo. Un papel que tiveron outros, Fernando Rey, Fernán Gómez ou Rabal, e que ninguén lle discute. Con el hai unha xeración que cruzou por primeira vez os Pirineos, que pediu nas primeiras eleccións democráticas o voto para "o partido" sen renegar de Gloria Lasso. Unha xeración que tivo a Conchita Velasco como musa e á copla como crónica sentimental de España. Unha xeración que creu nas utopías e buscounas polo mundo. Que vadeou o escepticismo ou o desencanto para reinventarse. Con esta reinvención de Pepe Sacristán, ao que celebramos no pasado Cineuropa en El muerto y ser feliz todos podemos soñar en reinventarnos.

É o que ten estar na estrada, participar da viaxe dos comediantes. Que un día déitaste como zangolotino, novo nesta praza. E ao seguinte espertas como cronista da Transición en pelotas e baixo a ducha. Ou como serial-killer morto ao chegar. El quitarase importancia, dirá que é só un actor. Pero é o Xefe da Tribo.

Direcciones relacionadas



Compartir: