SOSTIBILIDADE

Unha auditoría analizará 28.000 puntos de alumeado público e marcará as directrices para unha maior eficiencia enerxética

15/11/2013 Unha auditoría enerxética analizará 28.000 puntos de luz do alumeado público e 645 postos de mando, co obxectivo de marcar as directrices para un maior aforro enerxético e un incremento da sostibilidade. Este estudo será fundamental cara a elaboración do prego do contrato de mantemento da iluminación pública e para determinar os investimentos necesarios nesta materia. O obxectivo do Goberno local é lograr máis dun 40% de aforro na factura eléctrica.

A concelleira de Urbanismo, María Pardo, indicou que a mesa de contratación adxudicou esta auditoría á empresa Consultoría Lumínica de Galicia S.L., por un importe de 17.890 euros, o que supón unha baixa de 12.110 euros respecto o orzamento de licitación. Entre as melloras que tamén favoreceron a elección desta empresa están a realización dunha análise da facturación do último exercicio e a achega dun software propio. Esta auditoría terá que estar lista en dous meses.

Segundo explicou a edil, esta auditoría fará un diagnóstico das instalacións de alumeado público, incluíndo tanto os vieiros como o alumeado exterior dos monumentos e calquera outro punto de luz de titularidade pública. En total, estudaranse 28.000 puntos de luz e 645 postos de mando.

O informe enerxético deberá determinar consumos, propoñer melloras tecnolóxicas e de xestión, facer un inventario enerxético das instalacións, formular medidas de fomento do uso racional da enerxía e de redución da contaminación lumínica, etc. Ademais, identificaranse as actuacións necesarias e os seus custos.

Esta diagnose e as directrices marcadas pola auditoría serán clave na elaboración do prego que rexerá o futuro contrato de mantemento e renovación do alumeado municipal. O seguinte paso será executar os investimentos necesarios para lograr un alumeado público máis eficiente tanto económica como ambientalmente.

María Pardo explicou que o obxectivo é reducir en máis dun 40% a factura enerxética. Neste sentido, lembrou que a mesma, sumando tamén os edificios públicos –para os que se realizará outra auditoría enerxética- supón un gasto duns 3 millóns de euros anuais, aos que hai que sumar os 700.000 euros do contrato de mantemento.

Compartir: