EMPREGO E COMERCIO

Vinte e catro persoas participan no Obradoiro de Emprego "Santiago Impulsa"

15/11/2013 A concelleira de Economía, Emprego, Comercio e Turismo, Reyes Leis, visitou os participantes e o persoal do Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa II, co obxecto de coñecer o seu funcionamento e actividades.

O Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa II é un programa mixto que combina accións de formación e emprego dirixidas a mellorar a capacitación e ocupación das persoas desempregadas, co fin de facilitar a súa posterior integración no mercado laboral. Participan 24 persoas distribuídas en tres especialidades: confección e publicación de páxinas web; auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; e operacións básicas de restaurantes e bar.

Durante os seis meses de duración desenvolveranse as seguintes obras e servizos:

• Mantemento de sendas e camiños no parque das Cancelas e dos axardinamentos do centro municipal de Aríns.
• Elaboración e mantemento de páxinas web da área municipal e de ámbito social no centro de formación ocupacional de Aríns
• Servizo de catering en actos do Concello de Santiago de Compostela e entidades sociais.

Reunión cos comerciantes do Ensanche
Por outra parte, Reyes Leis, acompañada por María Pardo –ambas integrantes da comisión que coordina a programación municipal do Nadal- reuníronse cos comerciantes do Ensanche, que informaron ás concelleiras sobre as actividades de dinamización que desenvolverán este Nadal nesta zona da cidade, co obxecto de poñelas en común e coordinalas co programa do Concello para estas datas.

Compartir: