EMPREGO

O paro descende en Santiago un 2,53% respecto a outubro do ano pasado

15/11/2013 En outubro do 2013 houbo 8.834 persoas rexistradas no paro na cidade, fronte ás 9.063 de outubro do 2012. O número de persoas paradas aumentou en 157 persoas respecto do mes de setembro, un 1,81%, sendo o segundo mellor mes da serie dende 2006.

Outubro é un mes no que aumenta o paro en Santiago polo fin da temporada alta turística. Neste pasado mes de outubro, o número de persoas rexistradas na cidade no paro aumentou en 157 con respecto a setembro, un 1,81%. Pese ao aumento, trátase do segundo mellor dato no mes de outubro dende, polo menos, o ano 2006. Por exemplo, nos anos previos a crise económica, en 2007 e 2006, o paro aumentou en outubro en 246 e 243 persoas respectivamente.

Cos datos de outubro, pese ao aumento do 1,81% respecto ao mes anterior, tamén se consolida o descenso interanual no número de persoas rexistradas no paro na cidade, que se produciu por primeira vez no pasado mes de xullo logo de que este indicador medrase na cidade durante 63 meses seguidos, dende abril do 2008. No mes de outubro deste ano houbo 8.834 persoas rexistradas no paro na cidade, o que representa un 2,53% menos que as 9.063 das de outubro do ano 2012.

Os datos de outubro, como xa ven sucedendo nos meses precedentes, apuntan tamén a que Santiago está vivindo unha evolución das persoas rexistradas no paro mellor tanto á de Galicia como á de España. Mentras que en Santiago o aumento respecto ao mes de agosto foi do 1,81%, en Galicia o aumento foi do 2,87% e en España foi do 1,84%. En termos interanuais, Santiago tivo en outubro un descenso do 2,53% respecto de outubro do 2012, mentras que en Galicia houbo un aumento do 0,15% e en España houbo un descenso do 0,46%.

A consolidación da mellora dos datos interanuais apuntan a que a cidade está cada vez máis preto do cambio de tendencia na evolución do paro na cidade, xa que dende o mes de marzo mes tras mes compróbase que hai unha evolución positiva respecto dos anos precedentes. Sen embargo, como se leva facendo dende que os datos comezaron a ser positivos no mes de marzo deste ano, dende o Concello de Santiago quere facerse unha lectura prudente dos resultados, posto que hai un número importante de composteláns que continúan pasando por situacións difíciles.

Dende o Concello de Santiago xa se anunciara que o último cuatrimestre do ano sería complexo, posto que tradicionalmente nestes meses hai sempre un aumento do paro na cidade polo descenso na actividade turística. En concreto, estímase que o número de persoas rexistradas no paro crecerá no mes de novembro respecto a outubro. Sen embargo, dende o Concello de Santiago estanse poñendo todos os medios posibles para que, como no caso dos meses precedentes, os datos continúen sendo mellores que os que houbo entre o periodo 2008 – 2012, de tal xeito que cada vez se esté máis preto do cambio de tendencia.

Evolución do paro nos meses de outubro en Santiago
2006: 243
2007: 246
2008: 463
2009: 210
2010: 123
2011: 325
2012: 218
2013: 157

Compartir: