CULTURA

Jorge Tur e Jordi Cadena presentan os seus filmes na xornada do venres en Cineuropa

14/11/2013 Ata 18 sesións de cinema na xornada do venres 15, que vén cargada de citas interesantes. Jorge Tur e Jordi Cadena presentarán os seus filmes Dime quien era Sanchicorrota e La por no Salón Teatro ás 18:00 e 20:00 horas, respectivamente. E tamén contaremos coa presenza de Iván Castiñeiras, Clara Sobrino, David Castro e Carla Fernández Aguirre presentando os seus traballos na sección de Panorama Audiovisual Galego.

Ao longo do día poderemos ver por única e/ou última vez I pugni in tasca, Pozitia Copilului, La por e Buenaventura Durruti, anarquista, ademais de tres filmes do ciclo de cinema italiano e o documental Brava Victoria!, sobre a vida de Victoria de los Ángeles. Tras a proxección deste documental teremos, no Auditorio de Galicia, un concerto con Nancy Fabiola Herrera e Rubén Fernández Aguirre en beneficio da Fundación da desaparecida cantante.

Achegamos comentarios do director do festival, José Luis Losa, sobre algunhas das citas destacadas da xornada:

- CHILD’ POSE. Oso de ouro da Berlinale. Outro crocante tour de force familiar do prodixioso cinema romanés. Nai e fillo non calan unha. E os diálogos respíranse como psicodrama de altura, como doutro tempo.

- QUAI D’ORSAY. Tavernier, septuaxenario reinvéntase felizmente como comediante de lei cunha farsa delirante sobre como funciona a política, cun ritmo frenético que fai honra ao cómic no que se inspira. Mellor guión e premio da crítica en San Sebastián.

- DU ZHAN (DRUG WAR). Un Johnnie To en plena forma cun filme de gangsters a modo de espectáculo de grand guignol. Garante adrenalina sabia.

- FOR THOSE WHO CAN TELL NO TALES. A súa directora, Jasmila Zbanic, gañou o Oso de ouro con só 22 anos por Grbavica. Agora lévanos do brazo dunha turista australiana para trasladarnos ao escenario do que foi o horror balcánico, na ponte sobre o Drina. Sen mostrar unha soa imaxe daquela matanza, é un soberbio exercicio de cinema que aterra e desasosega desde fóra do campo. Nesa ponte sobre o Drina...

- LA POR. Jordi Cadena vén de asinar, xunto a Judit Colell, Elisa K. E a súa nova película podería comezar no escabroso terreo dos abusos en familia da súa obra anterior. Violencia machista concibida case como cinema de terror, pero mesurada, epatante. O seu director debaterá co noso público.

- MUCH ADO ABOUT NOTHING (MOITO RUÍDO E POUCAS NOCES). Si, len ben. Joss Whedon, director e guionista de Os vengadores da Marvel e de The cabin in the woods reláxase filmando cos seus colegas unha versión dos enredos amorosos da peza de Shakespeare que funciona moito mellor que a acartonada película de Kenneth Branagh. É pura comedia romántica, das que conectan co público desde o primeiro diálogo.

Direcciones relacionadas



Compartir: