MEDIO AMBIENTE

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela organiza un magosto ambiental

14/11/2013 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) continúa coa súa actividade en novembro. Ademais de recibir a centros escolares cada semana, o CIAC organiza actividades para a cidadanía en xeral as fins de semana. Así, o sábado 16 de novembro celebrarse un magosto no que se degustarán as tradicionais castañas asadas e se realizarán actividades ambientais vinculadas á nosa cidade, con especial atención ao tema dos residuos.

Ademais, o CIAC comeza en novembro o programa de roteiros pola cidade, realizando o sábado 30 un percorrido por Santiago que permitirá aos participantes descubrir outros aspectos do parque de Belvís. A actividade é de balde, pero é necesario inscribirse no teléfono do CIAC, 981 543 145, ou na web www.ciac-compostela.org.

O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela está localizado no parque de Belvís, no edificio dun antigo curtidoiro. O CIAC quere ser un espazo aberto á participación ambiental da cidadanía e conta con recursos didácticos e actividades que axudan a comprender mellor a relación entre a cidade e o seu medio ambiente. Pódense concertar visitas guiadas para escolares e grupos de máis de 10 persoas por correo electrónico, ciac@santiagodecompostela.gal, ou a través do teléfono 981 543 145.

Compartir: