ALCALDÍA

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade entregará mañá venres o seu Premio á Fundación Barrié

14/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, participará este sábado 16 de novembro, en Salamanca, na Asemblea Xeral do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España, máximo órgano de goberno da entidade. Á reunión, que se celebrará ás 10:00 horas no Salón de Recepcións do Concello, asistirán os alcaldes das 13 cidades membros desta entidade.

Coa celebración desta Asemblea en Salamanca, o Grupo quere sumarse aos actos cos que a cidade charra está a conmemorar o 25º aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Ademais dos asuntos ordinarios do goberno da asociación, a Asemblea Xeral tratará de forma especial o Plan Estratéxico 2014-2016, que marcará a folla de ruta para ese período nas distintas áreas de traballo do Grupo, que comprenden a promoción turística, a organización de actividades culturais e educativas, a xestión de programas para conservación do patrimonio e a vertente institucional da entidade, como rede de cidades con problemáticas e retos comúns.

Previamente, o venres 15, ás 20:00 horas, o Grupo fará entrega á Fundación Barrié, representada polo seu presidente, José María Arias Mosquera, do Premio Patrimonio, polo seu mecenado e compromiso pola recuperación e conservación do patrimonio a través do Programa Catedral de Santiago e do seu proxecto de restauración do Pórtico da Gloria.

O obxectivo do Premio Patrimonio é o recoñecemento público ao labor levado a cabo no ámbito da conservación, restauración, promoción e difusión do patrimonio histórico e cultural por entidades públicas e privadas. Entre os premiados de anteriores edicións destacan a Fundación do Patrimonio Histórico de Castela e León, o Concello de Morella ou a Fundación Santa María la Real.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 co fin de actuar de xeito conxunto na defensa e a promoción do patrimonio cultural das 13 cidades que o compoñen, cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Compartir: