TURISMO

Santiago promociónase en Bollywood

14/11/2013 A Santiago de Compostela Film Commission, servizo de Turismo de Santiago para a promoción audiovisual da cidade que ten colaborado xa con grandes producións cun importante impacto turístico como The Way, desenvolverá diferentes accións de promoción en Bollywood. Estas accións serán posibles grazas á invitación do presidente da Asociación de Produtores de Cine e Televisión da India, Kulmeet Makkar, quen visitou Santiago a comezos de agosto convidado polo Clúster do Audiovisual Galego, a Spain Film Commission e a Santiago de Compostela Film Commission.

A industria cinematográfica da India é unha das máis importantes do mundo. Segundo os datos da Film Federation of India, no ano 2012 producíronse 1.602 películas no país. Deste número, máis de 700 foron producidas por membros da Asociación de Produtores de Cine e Televisión, que preside Kulmeet Makkar, quen ademais é presidente da compañía Shreya Entertainment, dedicada á produción cinematográfica e ao entretemento dixital.

Na súa visita a Santiago, Kulmeet Makkar considerou que Santiago podía ser escenario para diferentes tipos de películas de Bollywood. Por este motivo, convidou á Santiago de Compostela Film Commission a presentar Santiago en Mumbai a algúns dos produtores e profesionais máis importantes do sector audiovisual indio. A axenda de reunións, fixada polo propio Kulmeet Makkar, terá lugar entre os días 18 e 19 de novembro.

A axenda de reunións fixouse nestas datas para que a Santiago de Compostela Film Commission puidese presentar tamén a cidade no International Film Festival of India, o festival de cine máis importante do país e que reúne aos membros máis destacados do cine indio. A Santiago de Compostela Film Commission asistirá os días 20 e 21 de novembro ao festival, que se celebra en Goa.

Un exemplo da importancia que pode ter este tipo de accións en Bollywood atópase na película Zindagy na Milegi dovara (Só se vive unha vez), que se rodou no ano 2010 en Andalucía. A película tivo un grande éxito de público, con máis de 400 millóns de espectadores. Ademais, a canción orixinal da película, "Señorita", foi un dos éxitos máis importantes da temporada en India e en diferentes países asiáticos.

Esta acción de promoción en Bollywood enmárcase na estratexia de promoción da cidade a través do audiovisual, que con películas como The Way ten demostrado ser unha das vías máis eficaces para chegar a grandes audiencias. Neste sentido, a Santiago de Compostela Film Commission fixo unha presentación da cidade na recente edición do Festival de Cine de San Sebastián o pasado 26 de setembro.

Compartir: