XUNTA DE GOBERNO

Apróbase a modificación do proxecto de urbanización das rúas Diego de Muros e Rodríguez Carracido

10/07/2006 A Xunta de Goberno Local, presidida polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou a modificación do proxecto de reurbanización das rúas Diego de Muros e Rodríguez Carracido, nos tramos non afectados polo aparcadoiro soterrado da Praza Roxa. Con este cambio, o orzamento do proxecto queda en 449.589 euros.

Tamén en materia de obras, a corporación local deu o visto bo ao inicio do expediente de contratación da redacción do proxecto de reurbanización da rúa Montero Ríos (tramo Rosalía de Castro-Doutor Teixeiro) e da reurbanización da rúa Doutor Teixeiro (tramo Montero Ríos-Praza Ponte Castro). Estas actuacións suporán un investimento de 127.739 euros.

No eido urbanístico, acordouse a cesión á Comunidade Autónoma dunha parcela de 5.013 metros cadrados do SUNP-15 de Ponte Pereda-Conxo. Esta superficie destinarase á construción dun centro de formación ocupacional dedicado á área de novas tecnoloxías.

No capitulo social, a Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e os concellos das comarcas de Santiago e A Barcala. Este protocolo establece a prestación integral do servizo de información ás mulleres da comarca, así como a promoción da igualdade de sexos. No caso de Compostela, o servizo prestará este servizo mediante o funcionamento permanente do Centro de Información ás Mulleres.

Compartir: