URBANISMO

A concelleiras de Urbanismo e de Benestar Social explicaron a experiencia compostelá en accesibilidade nos espazos públicos

13/11/2013 As concelleiras de Urbanismo, María Pardo, e de Benestar Social, María Castelao, asistiron á inauguración do curso técnico sobre "Accesibilidade universal aplicada", organizado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia e que se celebra na Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Nas súas intervencións, as concelleiras explicaron a experiencia municipal en accesibilidade nos espazos públicos.

Segundo explicou María Pardo, "a accesibilidade en canto mellora a calidade de vida dos cidadáns forma un dos tres piares fundamentais sobre os que se basea a política de sostibilidade impulsada dende o Concello, sendo os outros a eficiencia económica e a conservación ambiental. Non só se trata de dar cumprimento á lexislación vixente, senón de posibilitar que a cidade existente e as novas áreas sexan disfrutables por todos os cidadáns en igualdade de condicións". Neste sentido, apuntou que todas as actuacións municipais pasan polo "filtro da accesibilidade", converténdose esta nunha directriz prioritaria.

Entre as últimas actuacións municipais salientou a nova ordenanza de ascensores, aprobada o 28 de xuño de 2.012, que introduciu importantes novidades, como a posibilidade de expropiar dominio privado ou desafectar dominio público co obxecto da instalación de ascensores. "Como resultado da entrada en vigor desta ordenanza, son numerosos os edificios e barrios de Santiago de Compostela que se beneficiaron xa desta mellora de accesibilidade. Ademais, trátase en xeral de promocións antigas e, en consecuencia, os seus residentes sofren xa pola súa idade diversas problemáticas de mobilidade. En moitos casos a implantación dun ascensor pode supoñer un cambio fundamental na súa calidade de vida e o mantemento da súa actual residencia", indicou a concelleira.

Tamén se referiu á reurbanización do barrio de Vista Alegre, con 33 comunidades de veciños, e un investimento superior ao 1,6 millóns de euros, destacando que "a recuperación para as persoas do espazo público e a mellora da mobilidade foron fundamentis á hora de redactar o proxecto". Igualmente, está en fase de contratación a reurbanización do barrio da Almáciga -por valor de 1,5 millóns de euros- que pola súa orografía presenta especiais retos para a mobilidade.

Entre outras actuacións municipais citou a reurbanización de prazas, a implantación conxunta de áreas de xogo e de mantemento físico, e pequenas actuacións de mellora da mobilidade, como a colocación de varandas ou a eliminación de obstáculos na vía pública. "Estas actuacións poden ser determinantes dende un enfoque de accesibilidade, pois un pequeno obstáculo pode provocar que determinada zona da cidade sexa inaccesible para persoas con minusvalidez ou con dificultades de mobilidade, apuntou. Finalmente, anunciou a posta en servizo dun novo ascensor público para o acceso ao mercado de abastos e ás zonas altas da améndoa da Cidade Histórica.

Deseño accesible
Neste curso estase a estudar o deseño accesible dos elementos cuxa presenza definen un espazo público: vías, beirarrúas, cruces de rúas, pasos de peóns, vados para acceso de vehículos ou prazas de aparcamento. Ademais, analízase a elección dos pavimentos, avaliando os condicionantes que determinan a elección entre as diferentes posibilidades existentes no mercado. O mobiliario urbano tamén ocupa unha parte do curso.

Está previsto igualmente unha análise específica da accesibilidade nos cascos antigos e históricos e nos espazos de recreo e descanso, como parques, xardíns e zonas verdes.

Compartir: