ALCALDÍA

Compromiso municipal para rematar o plan director do Museo do Pobo Galego

13/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi González, e ao director do Museo, Carlos García Martínez, cos que falou sobre o plan director desta institución.

Ángel Currás asumiu o compromiso de rematar en 2014 o plan director do Museo do Pobo Galego. A partir de aí, indicou o alcalde, "haberá que estudar as posibilidades de execución do mesmo nos vindeiros anos", consciente de que "protexer este patrimonio esixe investimentos". Cunha planificación plurianual, analizaranse as opcións que poida ofrecer o Consorcio e outras administracións para executar o plan desta institución, que cualificou como "recurso cultural e turístico de primeiro nivel".

Tal como explicou Carlos García, estas actuacións de futuro pasan fundamentalmente pola renovación do Museo e pola ampliación do seu espazo expositivo, habilitando as salas da ala sur e da primeira planta. Daríase así cabida a novos contidos, relacionados con outros aspectos da cultura de Galicia. "Agora no Museo está exhibida, basicamente, a Galicia rural e mariñeira, e faltaría a Galicia Urbana", apuntou Xusto Beramendi. Estimou en seis millóns de euros o investimento necesario para executar o devandito plan director.

Como adianto, está previsto que en 2014 se abra durante uns tres meses unha exposición temporal, que amosará parte deses materiais que se queren incorporar ás futuras salas.

Compartir: