FUNDACIÓN GRANELL

"Santiago no Museo Granell": viaxe a través de diferentes interpretacións da figura do Apóstolo

10/07/2006 O segundo andar do Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell, acolle a exposición "Santiago no Museo Granell". A través de pezas en formatos e técnicas diferentes, a mostra propón unha pequena viaxe a través da ollada que diferentes culturas fan da icona cultural da nosa cidade, o Apóstolo Santiago.

A maioría das pezas pertencen á arte ritual de diferentes países latinoamericanos como Cuba, Porto Rico..., aínda que tamén hai pezas de heráldica, de diferentes pobos. Ademais amósase a visión persoal que sobre a figura e mito de Santiago fan dous artistas de diferentes latitudes: o fotógrafo galego Luis López, Gabú, e o pintor surrealista holandés Rick Lina.

As pezas desta exposición aportan diversas visións sobre a figura de Santiago Matamouros, santo utilizado como estandarte da conquista de América. Debido a esta carga de forza que arrastra a figura de Santiago mesmo dende a reconquista española, adoita identificarse en Latinoamérica con deidades autóctonas como Ogún, deus que representa ideas de forza como a da treboada, a forxa dos metais ou a guerra.

Pero tamén existen interpretacións sobre a lenda da viaxe do corpo do Apóstolo a través dos mares, como a da localidade portorriqueña Loiza Aldea, onde aparece de novo a tantas veces repetida lenda da aparición milagreira dunha imaxe dun santo a cabalo. Neste pobo contan os máis vellos que deste xeito comezou o culto a Chaguito, ou o Santiago Apóstolo de Loiza Aldea.

Compartir: