CULTURA

Madeleine Peyroux, estrea do jazz e a world music, inaugura a programación do Auditorio Novagaliciabanco

11/11/2013 Este martes, 12 de novembro, o Auditorio Novagaliciabanco do Preguntoiro acolle o concerto co que se pon en marcha o convenio que asinaron o Concello de Santiago e Novagaliciabanco para que este auditorio pase a formar parte da rede de espazos culturais do Concello. E será un concerto moi especial, xa que a súa protagonista é Madeleine Peyroux, unha das grandes voces da música contemporánea norteamericana. O concerto, enmarcado no ciclo Sons’13, será ás 21:00 horas.

Peyroux estivo na Casa do Concello presentando este concerto acompañada por José Víctor Carou, director-xerente do Auditorio de Galicia, e Carlos Montilla, da produtora i-radia Crea. Peyroux destacou que, ademais do seu quinteto habitual, estará acompañada no escenario por un trío de cordas local: Luis Enrique Caballero, chelo; Raymond Arteaga, viola; e Eduardo Coma, violín, que ademais é violinista de Luar na Lubre. A súa banda habitual está formada por Barak Mori, Darren Beckett, Jon Herington, Jason Rebello e Sylvia D’Avanzo, que é ademais directora artística.

Madelaine Peyroux presenta o seu novo disco, The blue room, un gran traballo que está á altura do seu mítico Careless love, co que pode recuperar a ese público que non lle perdoou que nos seus dous últimos traballos opte por cancións de composición propia e, polo tanto, menos comerciais.

Nada en Georgia e criada en París e cun pedigrí de Nova Orleans, Madeleine Peyroux criouse nun fogar rico en cultura sureña e con todo con vehemencia contra a ignorancia e o racismo asociado con esa rexión. Nada en 1974, a súa casa da infancia encheuse cos sons de Fats Domino, Fats Waller, Johnny Cash, Hank Williams e Buddy Holly por nomear algúns. "Ray Charles era unha parte desa mestura importante", explica, "pero eu non coñecía o álbum Modern sounds in country and western music en si. Coñecía moitas das cancións como parte de antoloxías, cancións como "Georgia on my mind" e "Hit the road, Jack". Pero Ray Charles tivo un grande impacto en min e máis aínda cando me mudei a París aos 11 anos porque os artistas americanos eran moito máis venerados alí do que eran nos Estados Unidos nos anos 80".

Entradas á venda
As entradas, están á venda no Teatro Principal, entradas.novagaliciabanco.es, 902 434 443 e no Auditorio Novagaliciabanco, o día do espectáculo, a partir das 19:00 horas. Os prezos son: Patio de butacas / 1º anfiteatro: 22 euros (anticipada) / 25 euros (billeteira); 2º anfiteatro: 20 euros (anticipada) / 22 euros (billeteira).

Compartir: