CENTROS SOCIOCULTURAIS

Intensa semana de actividades dentro do programa Compostela Cine Classics 2013

11/11/2013 A programación do Compostela Cine Classics 2013, promovido pola Concellería de Centros Socioculturais, continúa esta semana con varias citas importantes: a exposición sobre os cines de Compostela, obradoiros, un faladoiro e a última proxección do ciclo.

O martes 12 de novembro comeza o prazo de inscrición para participar no Obradoiro de pequenos cineastas. Rodamos unha peli, dirixido a rapaces de entre 7 e 12 anos, cun prezo de 14 euros. O taller desenvolverase os días 10, 14, 17 e 18 de decembro, en horario de 18:00 a 20:30 horas.

Ao día seguinte, mércores 13, ás 19:30 horas, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche, última sesión do Obradoiro de guión para adultos, conducido por Alfonso Zarauza.

O xoves 14 de novembro, ás 20:00 horas, no CSC das Fontiñas, celebrarase un novo faladoiro, desta vez co tema Santiago e os seus cines, un pequeno repaso pola nosa historia. A sesión será conducida por Jesús Ángel García, profesor titular da USC, coautor do volume Os cines de Galicia. A entrada é libre.

Para o venres 15 de novembro queda a última das proxeccións do programa: Amorodos salvaxes (1957), de Ingmar Bergman. Será ás 20:30 horas na Sala Agustín Magán do CSC de Santa Marta. E logo do pase, café con cine na compaña de Pela del Álamo, director e guionista de N-VI.

Ademais, continúan tamén no CSC de Santa Marta, na aula de xogo, os Pequeclassics, obradoiros creativos dirixidos a nenos de 4 a 12 anos, que os achegan a algúns dos filmes do programa. E no CSC de Fontiñas, ata o 30 de novembro, permanecerá aberta, no horario de funcionamento do centro, a exposición "Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia".

Compartir: