CIDADES PATRIMONIO

Unha instantánea da Catedral obtén o 2º premio do Concurso de Fotografía nas Redes Sociais do Grupo de Cidades Patrimonio

08/11/2013 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España deu a coñecer, tras a reunión da súa Comisión de Cultura e Educación, celebrada en Alcalá de Henares, os nomes dos gañadores da primeira edición do Concurso de Fotografía nas Redes Sociais convocado con motivo da celebración do 20º aniversario da asociación.

O xurado de selección, que estivo integrado polos concelleiros de Cultura das 13 cidades Patrimonio da Humanidade, membros da citada Comisión, manifestou a súa satisfacción pola gran calidade das preto de 400 fotografías presentadas ao concurso, nas que o tema central foron as 13 cidades Patrimonio da Humanidade. As fotografías foron acompañadas por un breve comentario explicativo no que os autores debían expresar a súa vinculación ou as sensacións que lles evocaba o canto ou a imaxe reproducida.

O autor da fotografía gañadora obtivo como premio dúas noite de aloxamento con almorzo para dúas persoas nun dos Paradores Nacionais das 13 cidades inscritas na Lista do Patrimonio Mundial. Os autores da segunda e terceira foto seleccionadas serán obsequiados con exemplares do libro Trece xoias de España, editado por La Fábrica e Cidades Patrimonio, que inclúe 210 imaxes do prestixioso fotógrafo José Manuel Navia.

Os nomes dos gañadores do concurso son:

Primeiro Premio: Vicente Montoya, pola fotografía "A rúa Maior de Alcalá de Henares". Segundo o comentario do autor, "a rúa Maior de Alcalá é un dos centros neurálxicos da cidade. Cando circulamos por ela parece que se detivese o tempo e custa saber en que época nos encontramos. Dise que é unha das rúas porticadas máis longas de España. Os caneiros rematados na cabeza de dragón son relativamente novos. En antigas fotografías de principios de século podemos ver nas cornixas dos tellados uns verte augas que tiñan precisamente esta forma. Antes os dragóns chuspían a auga directamente na rúa. Imaxinádevos os tremendos chorros de auga precipitándose enriba dos peóns! Moito máis prácticos agora".

Segundo Premio: Beatriz Pazos, por "Unha vista diferente da Catedral de Santiago de Compostela". Da foto, a autora di que é "unha vista diferente da Catedral dende unha das zonas máis bonitas de Compostela, como é a Alameda.

Terceiro Premio: Luis Carlos Jiménez, por unha "Fotografía nocturna de Segovia". O comentario do autor indica que se trata dunha otografía nocturna de longa exposición na que se ve o Alcázar en primeiro plano e a catedral detrás, formando un rechamante conglomerado de arquitectura que impresiona".

Compartir: