CULTURA

Fernando Franco e Marian Álvarez presentarán "La herida" en Cineuropa

08/11/2013 Este sábado chega unha das citas máis relevantes deste Cineuropa 2013. O cineasta Fernando Franco presentará no Teatro Principal, ás 20:00 horas, o seu filme La herida, que levou filme o Premio do xurado á mellor película este ano en San Sebastián. Estará acompañado pola actriz protagonista do mesmo, Marian Álvarez, que vén de gañar tamén en San Sebastián a Concha de Prata e é firme candidata a conseguir o Goya por este mesmo filme, que está a colleitar grandes éxitos.

Na película, Ana, de 28 anos, está satisfeita co seu traballo e axudando a outros pero ten serios problemas para relacionarse. Aos poucos, a súa conduta vaise facendo autodestrutiva, agresiva coas persoas próximas e queridas. Sofre, séntese culpable e illada. Ana padece o que os psiquiatras chaman trastorno límite da personalidade, ou conduta borderline. Pero ela non o sabe. No fondo só querería estar ben consigo mesma e cos demais, ser feliz.

En palabras do director do festival, José Luis Losa, o filme, "en San Sebastián gañou case todo, e quedaron curtos. Que honestidade abrupta a de Fernando Franco. Que actriz de grandeza inclasificable Marian Álvarez, que só acaba de empezar a recibir premios e que virá co seu director, para compartir o strip-tease emocional."

O calendario de Cineuropa deste sábado complétase con outros filmes tamén moi recomendables como Jeune et Jolie, Le week-end, The act of killing, Vic+Flo saw a bear ou Paradise:hope, entre outros. A continuación, os comentarios do director para algúns dos filmes desta xornada:

- JEUNE ET JOLIE. En Cannes, François Ozon fascinounos coa ausencia de motivos desta adolescente para exercer, de maneira case compulsiva, como call-girl que tolea a tipos que poderían ser os seus avós. E que gancho de guión maiúsculo esa aparición salvífica de Charlotte Rampling!

- LE WEEK END. Concha de prata ao mellor actor (Jim Broadbent) en San Sebastián. Como un eco, unha reverberación de "Despois do anoitecer". Unha parella exerce en París unha suave libertinaxe, baila ao seu son, reaviva complicidades, homenaxea a Godard nun fermoso punchline, nun traxecto de cinema tan elegante como docemente subversivo.

- VIC + FLO SAW A BEAR. Denis Coté filma unha das películas máis condeadamente perturbadoras do curso. Dúas mulleres unha cabana, un bosque, moito amor. E o oso? Non se pode ter todo. Mellor que o comproben cos seus ollos se son capaces de non pechalos.

- PARADISE: HOPE. O pasado ano, Ulrich Seidl estreou en Cineuropa Paradise: Love, co seu turismo sexual en África, e Paradise: Faith, tan premonitoria do futuro do Papa Raztinger. Agora, Seidl pecha o seu tríptico das miserias austríacas co paso da filla obesa por un campamento infantil de adelgazamento. Pódese ser máis maldito?

Direcciones relacionadas



Compartir: