EDUCACIÓN

A ilustradora arxentina Mariana Ruiz Johnson recibiu o VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

07/11/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, entregou do VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados á arxentina Mariana Ruiz Johnson, pola súa obra "Mamá". O pasado mes de abril, o xurado elixira este traballo entre os 374 que se presentaran nesta edición.

O xurado destacara "a vitalidade, a forza e o manexo da cor dun libro que traballa un tema universal e especialmente próximo ao mundo da infancia". Valorou tamén "a pequena e lograda homenaxe que realiza a autora a grandes figuras da historia da pintura".

Mariana Ruiz naceu en Bos Aires no ano 1984. Actualmente está rematando a Licenciatura en Artes Visuais no Instituto Universitario Nacional del Arte. A partir do ano 2005 comezou a formar parte, como ilustradora, da escola de arte Sótano Blanco co mestre José Sanabria. Tamén estudou con outros grandes ilustradores como Saúl Óscar Rojas e Claudia Legnazzi. Asistiu a workshops en Italia con Svetlan Junakovic e Gianni de Conno.

Está a cargo do obradoiro Procesos creativos na escola de arte Sótano Blanco e tamén de Seminarios de técnicas na mesma escola. No ano 2009, o seu proxecto de libro-álbum Irupé y Yaguareté quedou finalista no premio A la orilla del viento, do Fondo de Cultura Económica. Na actualidade traballa de maneira independente como ilustradora. Publicou libros da súa autoría tanto en América como en Europa.

Certame de referencia internacional
Nesta VI edición, o xurado fixo tamén dúas mencións especiais aos traballos Panda, de Marcos Guardiola Martín, de Madrid, e Un día cualquiera, de Cristina Martín Recaséns, de Tarragona.

Cos 374 traballos desta convocatoria de 2013 xa son 1.905 os traballos presentados ao Premio Internacional Compostela, o que dá conta da repercusión que ten acadado este certame. Nesta sexta edición concorreron obras de países como España, Hungría, Grecia, Italia, Portugal, Alemaña, Holanda, Polonia, Inglaterra, Francia, Irán, Líbano, Arxentina, Ecuador, Chile, Uruguai, Venezuela, Brasil, Colombia, México ou Estados Unidos.

Lembrando as cinco edicións anteriores, a gañadora da primeira -á que se presentaran 335 traballos- fora a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra Cerca. Na convocatoria de 2009 -á que optaban 280 aspirantes- o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por Un gran soño. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro A familia C, que competiu con outras 518 propostas. O uruguaio Martín León Barreto gañou a convocatoria de 2011 co álbum A viaxe de Olaf, seleccionado entre 374 traballos. Bandada, dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez, foi a obra escollida polo xurado da quinta edición, entre 256 orixinais de 19 países.

Campaña Municipal de Animación á Lectura
A convocatoria deste certame encádrase na Campaña de Animación á Lectura que o Concello de Santiago e Kalandraka organizan anualmente no mes de abril, e que en 2013 alcanzou a súa décimo terceira edición. As actividades programadas -sesións de contos e música, obradoiros de ilustración e de escrita creativa, actos nas librarías da cidade, charlas para docentes e familias- chegan a máis de 5.500 escolares da bisbarra compostelá.

Con este obxectivo pedagóxico e aproveitando a presenza en Santiago de Mariana Ruiz Johnson, a autora tivo unha sesión de traballo cos alumnos e alumnas do bacharelato artístico do IES de Sar. 98 estudantes desta especialidade e profesores do centro tiveron a oportunidade de coñecer a artista premiada e as técnicas que utiliza nos seus traballos.

Compartir: