CULTURA

Inicio das proxeccións en Cineuropa

07/11/2013 Logo do concerto inaugural da Real Filharmonía de Galicia coa proxección de Un perro andaluz de Luis Buñuel e Salvador Dalí, este venres chega a primeira xornada de proxección de películas en Cineuropa. A billeteira do Teatro Principal estará aberta dende as 15:30 horas ata cinco minutos antes do comezo do último filme e ese será o horario de todos os días ata que remate o festival. As entradas están tamén xa á venda en Novagaliciabanco (web e teléfono).

O filme inaugural será èm]Le week-end, de Roger Michel, Concha de prata ao mellor actor en San Sebastián, que se poderá ver ás 20:30 horas no Teatro Principal. Despois, no Principal, estarán Jeune et Jolie, de Ozon, ás 22:30 horas, e Paradise: Hope, de Seidl, ás 00:15 horas. No Salón Teatro tamén poderán verse na xornada do venres tres filmes: ás 20:00 horas, Porte aperte, de Gianni Amelio; ás 22:00 horas, Un borghese piccolo piccolo, de Monicelli; e ás 00:15 horas, Vic+Flo saw a bear, de Côté.

Ademais, teremos tamén proxeccións, nesta primeira xornada, no Centro Galego de Arte Contemporánea. Ás 17:00 horas, Il birichino di papà, de Matarazzo; ás 18:30 horas, Il bandito, de Lattuada e, ás 20:00 horas, Les destinées sentimentales, de Olivier Assayas.

A continuación, comentario do director do festival, José Luis Losa, dos filmes destacados nesta primeira xornada:

- LE WEEK END (Película inaugural). Concha de prata ao mellor actor (Jim Broadbent) en San Sebastián. Como un eco, unha reverberación de Despois do anoitecer. Unha parella exerce en París unha suave libertinaxe, baila ao seu son, reaviva complicidades, homenaxea a Godard nun fermoso punchline, nun traxecto de cinema tan elegante como docemente subversivo.

- JEUNE ET JOLIE. En Cannes, François Ozon fascinounos coa ausencia de motivos desta adolescente para exercer, de maneira case compulsiva, como call-girl que tolea a tipos que poderían ser os seus avós. E que gancho de guión maiúsculo esa aparición salvífica de Charlotte Rampling!

- PARADISE: HOPE. O pasado ano, Ulrich Seidl estreou en Cineuropa Paradise: Love, co seu turismo sexual en África, e Paradise: Faith, tan premonitoria do futuro do Papa Raztinger. Agora, Seidl pecha o seu tríptico das miserias austríacas co paso da filla obesa por un campamento infantil de adelgazamento. Pódese ser máis maldito?

- VIC + FLO SAW A BEAR. Denis Coté filma unha das películas máis condeadamente perturbadoras do curso. Dúas mulleres, unha cabana, un bosque, moito amor. E o oso? Non se pode ter todo. Mellor que o comproben cos seus ollos se son capaces de non pechalos.

Compartir: