XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as dúas primeiras fases do proxecto de mellora da mobilidade e da accesibilidade de Vista Alegre

07/11/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto de mellora e mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre nas súas fases I e II. Tamén deu o visto bo a dous proxectos de mellora da eficiencia enerxética e adxudicou as obras de mellora nas rúas Doutor Teixeiro, República Arxentina, San Pedro de Mezonzo e Santiago de Chile.

Coa aprobación do proxecto iniciouse tamén o expediente de contratación destas dúas fases de obras de mellora en Vista Alegre, incluídas no programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo aos Fondos FEDER. O importe destas actuacións é de 1.508.811 euros e o prazo de execución de 10 meses. A voceira da Xunta de Goberno e concelleira de Urbanismo, María Pardo, indicou que a intención municipal é a de incluír a terceira fase nos orzamentos de 2014.

Con esta actuación demolerase a totalidade das terrazas dos 33 bloques de vivendas cos que conta este polígono. O proxecto contempla actuacións como a supresión de barreiras arquitectónicas; a reordenación do tráfico; a apertura de rúas peonís; a canalización de novos servizos (fibra óptica e gas) e a de outros xa existentes (electricidade), que na actualidade son exteriores; ou a reordenación de zonas de estacionamento e soterramento de colectores, entre outras.

Aforro enerxético
O Goberno municipal tamén aprobou un proxecto de aforro enerxético en instalacións de alumeado público municipal, destinado ás parroquias do rural. Colocaranse centros de mando con reloxos astronómicos que regularán o apagado e o acendido do alumeado. O investimento previsto é de 15.306 euros.

Xa no ámbito urbano, acometerase un proxecto de aforro enerxético no alumeado público na rúa Alfredo Brañas. Neste caso, substituiranse as luminarias existentes por outras 40 de leds, no que pretende ser un proxecto piloto de cara ao cambio de luminarias no resto da cidade.

Obras
En materia de obras, adxudicáronse as previstas no barrio de Guadalupe, por un importe de 87.044 euros. Realizaranse obras de mellora nas calzadas dos seguintes vieiros: pista baixa do camiño de Guadalupe; pista do campiño de Guadalupe; cruce do campiño con Cima da Eira, Cima da Eira, pista cara Chan de Curros e acceso a Chan de Curros.

A edil lembrou que esta mesma semana, nunha Xunta de Goberno extraordinaria, se adxudicaran as obras de renovación de firmes e pavimentos nas beirarrúas de Doutor Teixeiro e República Arxentina, de colocación de aglomerado na calzada en San Pedro de Mezonzo (entre República Arxentina e A Rosa) e de renovación de beirarrúas en Santiago de Chile.

Nesa mesma sesión aprobouse o inicio do procedemento para contratar as obras de urbanización do SUNP-11 do Castiñeiriño.

Programa de natación
A proposta do concelleiro de Deportes, aprobouse o convenio entre o Concello e XADE (Empresa de Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos) mediante o que se realizará un programa específico de natación orientado á participación de colectivos que están a traballar con persoas con algunha discapacidade ou enfermidade crónica. O Concello difundirá o programa entre os colectivos existentes na cidade e prestará servizos administrativos. Pola súa banda, XADE executará o programa durante os días lectivos do calendario escolar 2013/2014.

Seguindo cos deportes, acordouse ampliar os prazos de resolución e xustificación das bases da convocatoria de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado ano 2013 ata o 15 de novembro.

Subvencións ás asociacións comerciais
Finalmente, na sesión aprobouse a resolución da convocatoria de subvencións para a realización de actividades de promoción e dinamización comercial. Ademais, ampliouse o prazo de xustificación das subvencións ata o 2 de decembro.

Documentos relacionados



Compartir: